DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizaron ao longo do ano o curso de Español LCA (Lingua, Cultura e Adaptación á universidade)

O Centro de Linguas despide 80 estudantes do programa Campus Spain

Proceden de máis dunha ducia de países, principalmente de Asia e África

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Académica
M. Del Río DUVI 18/07/2023

Despois de dez meses de formación, este martes 80 estudantes internacionais recibiron os diplomas acreditativos de ter completado o programa de Español LCA (Lingua, Cultura e Adaptación á universidade) que imparte o Centro de Linguas da UVigo da man de Campus Spain. Procedentes de máis dunha ducia de países, principalmente de Asia e África, o obxectivo destes mozos e mozas era aprender español coa vista posta en poder cursar no futuro unha carreira na UVigo ou noutra institución do sistema universitario español. E iso será o que farán á volta do verán, contando xa coa capacitación precisa para mergullarse no grao que desexen.

Despois de realizar o exame final o pasado xoves de 13, os máis de 80 estudantes despedíanse hoxe dos seus compañeiros e docentes antes de comezar unha nova etapa que os levará por camiños diferentes. No acto que se celebrou na Facultade de Filoloxía e Tradución, a vicerreitora de Internacionalización, Maribel Del Pozo, deulles os parabéns por aprobar o curso e por ter elixido o español como lingua. “A maioría de vós estades equipados co inglés e co español e así cubrides case o 90% da poboación mundial”, todo un respaldo para o seu futuro académico e profesional. Del Pozo tamén lles deu as grazas por ter elixido o programa de Campus Spain e a Universidade de Vigo e animounos a continuar na institución viguesa cursando un dos seus grao porque “temos unha oferta magnífica”. Finalmente, a vicerreitora tamén felicitou ás familias, que estaban seguindo o acto en liña, polo esforzo que supón brindar aos seus fillos e fillas esta oportunidade de futuro. 

Na entrega de diplomas participaron tamén a vicedecana da facultade, Inmaculada Anaya; a xefa de estudos do Centro de Linguas, Mercedes Álvarez, e Yaiza Canedo, consultora educativa de Campus Spain, así como as profesoras que os e as acompañaron e guiaron ao longo deste curso. Todos e todas felicitaron o alumnado polo seu esforzo e dedicación e tiveron palabras de ánimo para a nova etapa que lles agarda, sexa na UVigo ou noutra universidade. Tamén tomaron a palabra dous estudantes que, en nome do grupo, agradeceron, facendo gala do español aprendido, a axuda recibida e o agarimo co que foron tratados na súa estadía en Vigo. Nadia e Ahmed coincidiron en destacar que foi unha experiencia “excepcional” e a pesar de ter pasado por os atrancos habituais que implica estar noutro país, con outra cultura e aprendendo outra lingua, “foi un ano cheo de emocións”. Ambos agradeceron o esforzo extra e o apoio recibido tanto do profesorado do Centro de Linguas como do persoal de Campus Spain, algo que valoran moito sobre todo estando afastados da familia, amigos e seres queridos. No caso de Nadia, explicou que o feito de formar parte dun equipo de baloncesto lle foi de moita axuda, “xa os podo considerar a miña familia”, e recalcou a importancia “da diversidade, de aprender a poñerse no lugar do outro”, porque “todos vivimos a mesma situación, lonxe dos noso fogares e das nosas tradicións”. Ahmed salientou que esta estadía lle permitiu “facer moitas cousas, crear novos amigos nun estupendo país, especialmente en Galicia e en Vigo”. Recoñecía que aprender español parecía moi difícil, pero “pouco a pouco foise volvendo máis fácil” e a evolución na aprendizaxe xunto coa posibilidade de desfrutar da natureza, da paisaxe, da gastronomía, etc. converteron esta experiencia nalgo “inesquecible”.  

Un curso de inmersión 

O curso de Español LCA (Lingua, Cultura e Adaptación á universidade) impártese en colaboración con Campus Spain para o alumnado internacional que teña máis de 16 anos e que desexe prepararse para acceder a estudos de grao ou posgrao en universidades españolas. Nesta edición foron 80 mozos e mozas procedentes de Ucraína, Australia, Indonesia, Iemen, Tunisia, EAU, Filipinas, India, Malaisia, Ruanda, Sri Lanka, Irán, Xordania e Exipto.

O programa comprende dúas modalidades formativas, unha anual, na que os estudantes pasan na UVigo dez meses e outra semestral de sete meses. A docencia comprende un total de 750 horas de clases presenciais, traballo autónomo e actividades impartidas por profesorado do Centro de Linguas da UVigo co obxectivo acadar o nivel B1 ou o B2 de español. Para isto as e os mozos asisten a sesións teóricas e prácticas nas que se traballan contidos lingüísticos a través de tarefas comunicativas, visitas a lugares emblemáticos nos que o alumnado realiza distintas actividades (entrevistas, investigacións, etc.), e obradoiros impartidos por expertos para afondar na idiosincrasia de distintas áreas.