DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Procedentes de países como Malaisia, Tunisia, Filipinas, India, Turquía…

O Centro de Linguas despide a medio cento de estudantes internacionais de español

Completaron con éxito o programa de Español LCA (Lingua, Cultura e Adaptación á universidade)

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 19/07/2022

Chegaron a Vigo co desexo de aprender español e mergullarse na súa cultura, costumes e tradicións e hoxe poden ver cara atrás coa satisfacción de ter pasado aquí estes meses e de telos aproveitado ao máximo. O Centro de Linguas despediu este martes aos 57 alumnos e alumnas que completaron con éxito o programa de Español LCA (Lingua, Cultura e Adaptación á universidade) coorganizado co programa Campus Spain.

Procedentes de países como Malaisia, Tunisia, Filipinas, India, Turquía, Emiratos Árabes Unidos ou Marrrocos algúns continuarán estudos na propia UVigo, mentres que outros decidiron proseguir o seu camiño noutras institucións do sistema universitario español ou regresar ao seu país. O importante é que, tal e como salientaron, xa poden comunicarse sen dificultade en español, unha competencia que agardan seguir mellorando e que están seguros lles abrirá diferentes portas a nivel internacional.

Acompañáronos neste acto, retransmitido en remoto para que tamén puideran seguilo as familias nos seus respectivos países de orixe, as vicerreitoras Natalia Caparrini, de Estudantado e Empregabilidade, e Maribel del Pozo, de Internacionalización; o decano da facultade, José Montero; a xefa de estudos do Centro de Linguas, Mercedes Álvarez, e Gosia Kozyra, de Campus Spain, así como as profesoras que as acompañaron e guiaron ao longo deste curso. Todos aproveitaron para felicitalos  polo esforzo realizado e os logros acadados e desexarlles o mellor, así como para agradecerlles a súa confianza na Universidade de Vigo e en Campus Spain.

750 horas de inmersión na lingua e a cultura españolas

O curso de Español LCA, que completaron ao longo da súa estadía en Vigo, comprende dúas modalidades, unha anual, na que os estudantes pasan na UVigo dez meses e outra semestral de sete meses. A docencia comprende un total de 750 horas de clases presenciais, traballo autónomo e actividades impartidas por profesorado do Centro de Linguas da UVigo co obxectivo acadar o nivel B2 de español. Pero o programa formativo que levaron a cabo durante a súa estadía comprende tamén propostas para que poidan coñecer a cultura española e galega, con actividades fóra de aula como un obradoiro de cociña ou visitas a lugares da cidade como o estadio de Balaídos, o Museo Etnográfico Liste, o Museo do Mar ou o museo Marco. Ademais, tiveron tamén a oportunidade de realizar excursións a diferentes lugares de Galicia como Pontevedra, Santiago...; a realización de xincanas e buscas de tesouros pola cidade de Vigo e incluso a realización dun tramo do Camiño de Santiago.