DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de matrícula para todos os cursos remata o 19 de setembro

O Centro de Linguas impartirá cursos específicos de inglés a alemán para enxeñeiros

A oferta comprende un total de nove idiomas, ademais de español para estranxeiros e lingua de signos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 08/09/2011

Coa volta da vida académica á Universidade, volven tamén os cursos de idiomas que o Centro de Linguas ofrece tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral para iniciarse ou completar a súa formación. Para este primeiro cuadrimestre e ata o vindeiro 19 de setembro está aberta a matrícula nos cursos de nove idiomas estranxeiros así como para español para estranxeiros e lingua de signos. Esta oferta complétase con clases de conversa en inglés e francés e con cursos preparatorios para o DELE (Diploma de Español como Lingua Estranxeira) e o First Certificate.

As clases ofértanse nos tres campus sempre que se concrete un grupo de suficientes matriculados para ser impartidos e, dependendo da demanda, estableceranse quendas. Unha das grandes novidades deste ano é a implantación dun curso de alemán, “especialmente destinado ao alumnado das enxeñarías que se impartirá na propia Escola de Enxeñaría Industrial”, como explica Ana Gayoso, do Centro de Linguas, coa vista posta na demanda destes titulados no país xermano. Esta mesma iniciativa ponse en marcha tamén co inglés, idioma para o que, xunto co francés, se ofertará tamén clases específicas de conversa, como viña sendo habitual.

Linguas que abren portas no mundo

A globalización, estudos no estranxeiro, mercados internacionalizados, compañías multinacionais… son moitas as circunstancias que fan necesario o coñecemento de idiomas de alén das nosas fronteiras. Máis aló do inglés, francés ou alemán, o Centro de Linguas leva anos ofertando outras alternativas de crecente demanda como o chinés, o xaponés, o árabe ou o ruso sen deixar de lado o portugués e o italiano. A idea é ofrecer un achegamento inicial a estes idiomas xa sexa por necesidades de estudos ou traballo ou por interese propio en coñecer linguas e culturas alleas.

A oferta para o primeiro cuadrimestre complétase coas clases de lingua de signos española, o curso de inglés para estranxeiros e os cursos preparatorios para o DELE (Diploma de Español como Lingua Estranxeira) e o First Certificate, este último “unha das novidades deste ano”. Outra iniciativa innovadora que se estrea tamén neste cuadrimestre é a organización de cursos de “español para estranxeiros, inglés e alemán pensados para alumnos do Conservatorio Superior de Música de Vigo e, en xeral, persoas maiores de 16 anos que queiran iniciarse no estudo do inglés ou mellorar a súa competencia nesta lingua”, apunta Gayoso. As clases impartiranse no propio conservatorio, diversificando así as sedes dos cursos do Centro de Linguas e achegándoos á cidade. Finalmente, no caso do inglés impartirase tamén un curso específico de nivel B2 destinado ao Grao de Educación Primaria que se desenvolverá no campus do Ourense.
A matrícula para todos eles permanecerá aberta ata o vindeiro 19 de setembro.