DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tamén se estreará un curso de español para docentes de Estados Unidos e Canadá

O Centro de Linguas incorpora o chinés á súa oferta de cursos intensivos de verán

Este ano poden solicitarse bolsas que subvencionan a matrícula

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 18/05/2018

Aproveitar o verán para porse ao día en idiomas. Este é o gran obxectivo dos cursos intensivos organizados para os vindeiros dous meses polo Centro de Linguas da Universidade de Vigo, cursos orientados, sobre todo, á formación do estudantado que ten previsto participar en programas de mobilidade e que quere aproveitar os dous próximos meses para porse ao día no idioma do seu país de destino. As grandes novidades deste ano son a incorporación do chinés á oferta de linguas e unha convocatoria de bolsas para as persoas matriculadas, axudas que poden solicitarse ata o 25 de maio e que están destinadas a sufragar o 75%  do importe da matrícula.

Xunto ao chinés a oferta de linguas inclúe o alemán, español para estranxeiros, francés, inglés, italiano, portugués e lingua de signos. Ademais, desde o Centro de Linguas, informan tamén que este verán se recupera o programa Isep Direct (International Student Exchange Program), que permitirá acoller estudantes que queren aprender español, formarse como profesores de segundas linguas e realizar prácticas docentes. Tamén por primeira vez, se organiza un curso en colaboración coas consellerías de educación de Estados Unidos e Canadá destinado a profesores de español como lingua estranxeira, profesores de programas bilingües, de inmersión e de español para hispanofalantes, Grades k-12, así como para profesores de Community Collage e de universidades, todos eles de Estados Unidos e Canadá. “É un curso no que se pon en contacto ao participante coa contorna lingüística, histórica, literaria e artística española e se lle proporciona información sobre as peculariedades da xeografía, cultura e folclore de Galicia”, explican desde o Centro de Linguas.

Entre dúas e oito semanas de aprendizaxe intenso

A duración dos cursos establécese entre as dúas e as oito semanas de duración, en horario intensivo de mañá, sendo os máis madrugadores os que arrancan xa a comezos do mes de xuño, e todos están abertos á participación de calquera persoa maior de 16 anos, se ben dependendo do nivel pode estar prevista á realización dunha proba de nivel oral e escrita. 

Como vén sendo habitual o idioma con máis opcións de elixir nivel (A2, B1 ou B2) é o inglés, se ben tamén se ofrecen diferentes opcións en francés (A1 e A2) e portugués (A2 e B1). No caso do chinés trátase dun curso de iniciación tanto á lingua como á cultura deste país dirixido a que a persoa matriculada comece a aprender a desenvolverse en situacións cotiás e a entender e prácticar diálogos e textos simples. A docencia será neste caso do 2 ao 20 de xullo e o prazo para poder matricularse manterase aberto ata o 27 de xuño.

As persoas interesadas en matricularse nalgún dos cursos poden consultar na web do Centro de Linguas os detalles de cada un deles (datas, prazas e créditos, programa e forma de pago...), mentres que para informarse dos requisitos para acceder ao novo programa de bolsas pode consultarse a información na propia web da Universidade.