DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A matrícula está aberta ata o vindeiro 28 de setembro

O Centro de Linguas introduce o polaco nunha oferta consolidada de 16 idiomas

Ruso, xaponés ou chinés conviven con opcións tradicionais como inglés, francés ou alemán

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 22/09/2009

Co inicio do curso o Centro de Linguas volve tamén a súa actividade habitual cunha oferta educativa que nesta ocasión ascende a 16 cursos. Polaco, español con fins académicos e inglés B1 para mestrados engádense nesta ocasión a unha oferta xa consolidada na que se inclúen dende francés, inglés, italiano, portugués e catalán, ata outros idiomas menos habituais no noso entorno como árabe, chinés, ruso ou xaponés.
A especialización por ámbitos e brindar a oportunidade de estudar idiomas pouco frecuentes son as bases destas 16 actividades que se desenvolverán dende a primeira semana de outubro ata finais de xaneiro. Con preto de 1200 alumnos matriculados no anterior curso académico, 552 no primeiro cuadrimestre, o director do centro,Jorge Figueroa, agarda que o éxito de matrícula se repita nesta ocasión e que os cursos novos teñan unha boa acollida. “No caso de español con fins académicos era algo que nos viñan solicitando os docentes e investigadores nos últimos tempos”, sinalou Figueroa, ao tempo que explicou que o nivel B1 de inglés, adquire unha elevada importancia ao tratarse dun dos requisitos básicos para acceder aos novos posgraos. “No caso do polaco trátase de darlle continuidade a algunha experiencia que xa temos tido en cursos de verán e que tivo moi boa acollida”, sinala o director do centro, que tamén lembra o importante número de estudantes da Universidade que elixen Polonia para realizar as súas estadías de Erasmus, polo que partir de aquí con certa base idiomática da súa lingua é para eles unha boa opción.

Lingua de Signos nos tres campus

Con prezos especiais para a comunidade universitaria pero aberto a toda cidadanía, o Centro de Linguas estase a converter nunha referencia importante para achegarse a linguas cuxo aprendizaxe é de difícil acceso no noso entorno. Para Figueroa, “Chinés, árabe, ruso ou xaponés son linguas que aínda que teñen un coñecemento moi lento poden abrir importantes oportunidades laborais no exterior, sobre todo no caso de chinés que vai ser cada vez máis preciso e necesario”.
Os cursos de Lingua de Signos, que teñen lugar nos tres campus da Universidade, é outro dos puntais da oferta do centro, ao que se engaden o curso de preparación do DELE, Diploma de Español en Lingua Estranxeira ou os cursos de portugués que, a diferenza dos demais, que se ofrecen en colaboración co Instituto Camões, e se desenvolven na Casa Arines, na Praza Tenente Almeida.

Matrícula aberta ata o vindeiro luns

Con matrícula aberta ata o vindeiro luns 28 de setembro, os interesados en informarse sobre períodos de docencia, horarios e prezos poden informarse no teléfono 986 81 22 50 e na web do Centro de Linguas.