DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A matrícula poderá realizarse a partir do 19 de xaneiro

O Centro de Linguas oferta cursos de inglés, francés, español para estranxeiros e lingua de signos para o segundo cuadrimestre

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 12/01/2009

O Centro de Linguas da Universidade lanza unha vez máis a súa proposta de cursos de idiomas no campus de Pontevedra. Conversa de inglés e francés, español para estranxeiros e lingua de signos española, tamén en modalidade de conversa, configuran a oferta para este cuadrimestre. Repítese o programa presentado no inicio do curso no que o inglés foi a lingua máis demandada e encheu o número de prazas ofertadas.
As clases terán lugar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e, para unha mellor atención aos estudantes, o aforo máximo para os cursos da modalidade de conversa son 12 prazas, que se amplían a 15 no caso do español para estranxeiros e chegan a 20 no de lingua de signos. Neste caso, o nivel dos grupos é o básico aínda que, se existe suficiente demanda, formaríase un grupo cun nivel máis avanzado para aqueles que xa teñan os coñecementos máis elementais.

Matrícula e prezos

A matrícula poderá realizarse na web do Centro de Linguas, a través da plataforma Bubela, ou no pavillón central da Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo, en persoa ou por email (centrodelinguas@uvigo.es) do 19 de xaneiro e ata o 2 de febreiro. O prazo retrasarase para o curso de español, que se abrirá o día 26 e finalizará o 9 de febreiro, para facilitarlles os trámites aos alumnos estranxeiros.
Os cursos de conversa de francés e inglés constan de 20 horas e poderán ser validados por un crédito de libre elección; co resto, de 30 horas ou máis, acadaranse 2 créditos. No caso dos cursos de 20 horas, o prezo é de 60 euros para os membros da comunidade universitaria e de 80 para o público xeral; 30 euros é o prezo do curso de español para estranxeiros, 60 horas de duración que ascende a 240 euros para o público xeral. O seminario de lingua de signos pode facerse por 135 euros para aqueles que acrediten ser membros da comunidade universitaria e 180 para o resto.