DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Centro de Linguas ofrece un curso intensivo de inglés no mes de setembro

O período de matrícula péchase este venres día 5

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 02/09/2008
Despois do período estival, o Centro de Linguas da Universidade comeza o ano académico cun novo curso intensivo de inglés que se impartirá entre o 10 e o 30 de setembro. Dirixido ao público de nivel intermedio interesado en mellorar a súa competencia na lingua inglesa, o curso centrarase nas catro destrezas comunicativas coa finalidade de que o alumnado complete a formación idiomática tanto no ámbito cotián coma profesional. O obxectivo final é defenderse con soltura na maioría das situacións comunicativas e expresarse nunha variedade ampla de temas para o que se ofrecerán clases prácticas onde se integren a comprensión e expresión orais, a comprensión e expresión escritas, a gramática e o léxico. Así, os matriculados realizarán unha ampla variedade de exercicios e tarefas que simularán situacións comunicativas diversas e a práctica gramatical complementarase coas explicacións teóricas necesarias.

Horarios e matrícula

O período de matrícula está aberto ata o 5 de setembro e as clases comezarán o día 10 en horario de luns a venres de 16.30 h a 20.30 h no Edificio Newton da Facultade de Filoloxía e Tradución. O prezo do curso é de 240 euros para o público en xeral e de 180 para os membros da comunidade universitaria, pero a inscrición require un nivel intermedio de inglés. O primeiro día de docencia, o 10 de setembro, realizarase unha proba de nivel para determinar os grupos, da que quedan exentos aqueles que teñan feito un curso dos niveis B1, B2 ou C1 no Centro de Linguas anteriormente.
Os matriculados poderán validar a súa asistencia a este curso por dous créditos de libre elección, pero é preciso asistir a un mínimo do 85% das horas lectivas para obter o certificado de asistencia e, ao rematar a docencia, farase un exame como parte da avaliación do curso.
A partir do 6 de outubro comezan o resto dos cursos de idiomas nos tres campus. O período de matrícula destes cursos vai do 15 ao 30 de setembro.

Toda a información sobre este curso intensivo e o resto da oferta pode consultase na web do Centro de Linguas.