DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Á oferta tradicional (inglés, alemán, italiano...) únese un curso para a docencia de español

O Centro de Linguas propón un verán ‘intensivo’ e abre a matrícula en oito cursos

O ano pasado preto de 300 persoas aproveitaron a época estival para mellorar en idiomas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 09/05/2011
Coa incipiente chegada do verán, son moitos os alumnos e alumnas que precisan pórse ao día co idioma do país no que pasarán todo ou parte do curso ven e, moitos son tamén, os que aproveitarán o habitual descenso de actividade da época estival para facer un curso intensivo de idiomas. Neste contexto o Centro de Linguas abriu xa o prazo de matrícula dos cursos intensivos para o verán, dirixidos tanto ao alumnado como ao resto de persoas interesadas.

Desta volta o programa inclúe inglés, francés, alemán, portugués, italiano e chinés e un curso de español para estranxeiros, dirixido ao alumnado de intercambio con estadías temporais nesta Universidade. Ademais, e como principal novidade, dende o Centro de Linguas destacan a incorporación dun curso de iniciación á docencia de español coma lingua estranxeira, dirixido a profesores ou futuros profesores que queiran orientar a súa carreira cara a ensinanza do español como lingua estranxeira.

Os diferentes cursos desenvolveranse nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense e impartiranse dende o 30 de maio ata o 20 de setembro, divididos en períodos de 15 días e en grupos de entre dez e once persoas en función do nivel. Cunha duración de 40 horas, os contidos repártense de forma homoxénea entre os denominados aspectos teórico-prácticos, nos que se afondará na teoría gramatical e en exercicios prácticos orientados ás necesidades concretas de cada alumno ou alumna, e os módulos de conversa e cultura, que teñen como finalidade mellorar a interacción e a comunicación na vida diaria así coma aspectos da idiosincrasia de cada país.

300 matriculados na anterior edición

O verán pasado os cursos intensivos do Centro de Linguas tiveron un total de 291 persoas matriculadas, sendo o inglés a opción pola que se decantaron máis persoas cun total de 114 alumnos matriculados. Italiano, portugués e alemán tiveron tamén moitos seguidores, con 43, 38 e 34 matriculados, mentres que no caso do francés foron unha ducia as persoas que aproveitaron o verán para mellorar nesta lingua. Ao tempo, dende o Centro de Linguas destacan que medio cento de estudantes doutros países aproveitaron estas datas para mellorar o seu nivel de español.

Prazos e prezos

O prazo para matricularse nos cursos de inglés ofertados polo Centro de Linguas varía en función das datas de docencia dos mesmos, mentres que o prezo oscila entre os 30 e os 160 euros, agás o curso centrado na iniciación á docencia de español coma lingua estranxeira, que ten un custo de 290 euros, 230 para os membros da comunidade universitaria.
Na páxina do Centro de Linguas poden consultarse os detalles de cada un dos cursos.