DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Once estudantes conviven cunha norteamericana e dous británicos nas tres sedes da Casa Inglesa

No centro de Pontevedra hai tres pisos nos que só se fala en inglés

Esta iniciativa da Vicerreitoría ofrece aloxamento a un prezo accesible e a posibilidade de aprender

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 01/12/2014

Atopar a un prezo accesible un lugar no que vivir durante o curso e aproveitar esta estancia para aprender un idioma sen saír da casa, convivindo con persoas naturais dun país de fala inglesa, son os dous alicientes que levaron no presente curso académico a once alumnos e alumnas do campus a establecer a súa residencia na Casa Inglesa. Ou máis ben, nas ‘Casas Inglesas’, posto que o aumento da demanda que experimentou no presente curso esta iniciativa da Vicerreitoría do campus de Pontevedra motivou que desta volta sexan tres os pisos, nos que o estudantado convive cunha estadounidense e dous británicos nos que o inglés é a lingua oficial de portas para dentro.

Situados nun mesmo edificio da rúa Loureiro Crespo, estes tres pisos implican triplicar as dimensións desta iniciativa dun curso para outro, como destaca o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, que salienta como “moi positivo” o crecemento da Casa Inglesa, “que supón unha oferta atractiva para os estudantes, xa que achega un valor engadido a un prezo razoable, e que na Vicerreitoría consideramos fundamental, porque complementa a forte aposta polos idiomas da Universidade”. Neste senso, Corbacho destaca que a Casa Inglesa “é unha idea que puxo en marcha o anterior equipo”, que encabezaba a vicerreitora Antonia Blanco, “á que non dubidamos nin un segundo en darlle continuidade”, posto que, resalta, “o día a día tamén é moi importante á hora de aprender un idioma”. Os ingleses Nathan Blyth e Patrick Joyce e a estadounidense Emily Iekel son os responsables de coordinar esa aprendizaxe nos diferentes pisos, onde exercen como “profesores particulares” dos estudantes e promvoen unha serie de actividades e iniciativas conxuntas que contribúan a unha convivencia en inglés.

“Organizamos noites de conversas, vemos películas en versión orixinal... cando menos unha ou dúas veces á semana intento organizar unha actividade no piso”, relata Iekel, unha moza natural de Falls Church, unha vila do estado de Virxinia, que actualmente traballa como auxiliar de conversación nun colexio de Catoira. Xunto ás estudantes Alba Fandiño, Mar Fente e Sofía Fernández, e á súa parella, o belga Jeremy Quicke, Iekel reside no piso que o pasado curso era a única sede da Casa Inglesa e no que, de novo, o inglés é lingua oficial, a pesares de que esta estadounidense fale con fluidez en castelán despois de ter pasado un semestre na Universidade de Salamanca. “Intento que me falen todo tempo en inglés, aínda que, ás veces, como é normal, me respondan a algunhas cousas en castelán”, admite.

Potenciar a presenza de alumnado estranxeiro

Tamén domina o castelán o londiniense Nathan Blyth, despois de realizar o pasado curso un lectorado nun colexio da cidade. Este británico, que traballa como profesor nunha academia, comparte piso coas galegas Patricia Marcos e Verónica Sobrino, a italiana Martina Cariari e a mexicana Mariana Jiménez, todas elas estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “Ás veces, estamos falando italiano, español e inglés ao mesmo tempo”, apunta con humor da convivencia na que é a sede máis internacional da Casa Inglesa. A este respecto, o vicerreitor do campus incide en que potenciar a presenza de estudantes estranxeiros é un dos aspectos que se pretende potenciar de cara ao futuro na Casa Inglesa, xa que ademais da aprendizaxe dun idioma, “tamén é moi importante o enriquecemento cultural que supón vivir con persoas doutros países”.

Tamén é natural de Inglaterra, neste caso da cidade de Middelsbrough, o terceiro head resident da Casa Inglesa, Patrick Joyce, quen, tras rematar os seus estudos universitarios, atopou neste proxecto “unha oportunidade para aprender un idioma e coñecer un país”. Algo que fai acompañado polos estudantes de Belas Artes André Díaz e María Saco, pola alumna de Fisioterapia Leticia Cartelle e polo estudante de Ciencias Sociais e da Comunicación Pablo Escobero que, como recoñece “sempre falan en inglés comigo” e cos que comparte ceas, cafés ou actividades de ocio na súa lingua natal.

Aprendizaxe e convivencia

Tras coñecer o pasado curso a Casa Inglesa a estudante de doutoramento en Belas Artes Alba Fandiño, vive o seu segundo ano neste edificio de Loureiro Crespo, no que quedou “coa idea de seguir aprendendo o idioma”, factor ao que suma que “a convivencia é moi boa” e a vontade de Iekel para realizar actividades conxuntas. “Tómao como un traballo”, apunta. Tamén coñecía en primeira persoa esta iniciativa Sofía Fernández, que forma parte do grupo de estudantes cos que esta iniciativa botou a andar hai dous anos.”Pareceume unha moi boa forma de mellorar o meu inglés e por iso decidínme a repetir”, destaca esta estudante do grao en Educación Infantil. Xunto a elas, vive a súa primeira experiencia nesta vivenda Mar Fentes, á que, pola súa idade, lle está a custar máis soltarse a falar en inglés nestas primeiras semanas. “Na miña época, na escola estudábase francés, así que isto é novo para min, aínda me estou acostumando”, salienta esta alumna de Enfermería, que afronta o que define como unha “experiencia innovadora” cunha firme vontade de aprender. “Teño unha carpeta na que vou apuntando frases e expresións”, apunta para que, acto seguido, Iekel deixe claro que “está mellorando moito”.

Aprender un idioma foi tamén o motivo que trouxo ata este edificio a Verónica Sobrino. “O ano pasado vivía aquí unha amiga e gustoume a idea”, salienta esta estudante de Comunicación Audiovisual, que decidiu asentarse, xunto co seu can, Nutella, nunha casa que lle está a permitir coñecer a persoas de diferentes nacionalidades. “Intentamos facer ceas nas que, ademais de falar en inglés, poidamos coñecer a gastronomía de cada país, e, ademais, xa teño un montón de sitios aos que ir de vacacións”, apunta. Un deles ben podería ser Peruggia, a cidade da que procede a súa compañeira de piso Martina Cariari, que atopou na Casa Inglesa un lugar no que residir durante o semestre que pasará en Pontevedra e tamén unha “oportunidade de aprender dous idiomas a un tempo, o que, ás veces, faise un pouco difícil”, admite.