DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Fundación CESGA e a Universidade de Vigo asinan un acordo de colaboración

O Centro de Supercomputación de Galicia achega as súas infraestruturas de altas prestacións ao Campus do Mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/09/2010
A Fundación CESGA, Centro de Supercomputación de Galicia, colaborará coa Universidade de Vigo no proxecto de Campus do Mar mediante a achega de diferentes infraestruturas de altas prestacións como a rede de comunicacións avanzadas de altas prestacións, os servidores de cálculo e supercomputación, o sistema de almacenamento masivo de datos ou aplicacións científico-técnicas para a simulación numérica e a análise de datos de interese para o sector do mar.

O acordo de colaboración asinado entre o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e o presidente da Fundación CESGA, Ricardo Capilla, contempla outras liñas de traballo conxunto como a definición dos ámbitos temáticos e procedementos para a cooperación en I+D+i e Formación de Posgrao no ámbito de simulación; o compromiso de vixilancia tecnolóxica compartida para identificar as liñas estratéxicas de avance científico e tecnolóxico nas actividades de simulación destacadas para o sector mariño, así como a identificación das liñas e agrupamentos compartidos, vinculados a dita vixilancia, así como fórmulas de captación de recursos para a súa execución.

Segundo o director do CESGA, Javier García Tobío, “o Centro de Supercomputación de Galicia non lle podía dar as costas a Campus do Mar. O obxectivo do CESGA é promover os servizos e a cultura do cálculo intensivo e as comunicación avanzadas da comunidade galega e do CSIC. Uns obxectivos que se aliñan perfectamente cos obxectivos do campus do Mar”.

Formación e desenvolvemento de actuacións de I+D+i

A Fundación CESGA e a Universidade de Vigo participarán tamén na oferta formativa do Centro Internacional de Posgrao que contempla o proxecto de Campus do Mar cos obxectivos de canalizar recursos para a promoción dunha ampla oferta de títulos interuniversitarios e internacionais de mestrado e doutoramento, así como de captación do mellor talento internacional.
En relación coa colaboración que coa institución académica viguesa vense de materializar, García Tobio lembra que o traballo conxunto entre o CESGA e as universidades galegas no eido da simulación numérica comezou hai 18 anos. “O CESGA naceu 18 anos para prestar servizo de cálculo intensivo e comunicacións avanzadas a comunidade científica e académica galega e do CSIC e froito desde traballo viron a luz 120 proxectos conxuntos de investigación”.

O desenvolvemento de actuacións de I+D+i conxuntas no ámbito da aplicación da computación e almacenamento masivo de datos ao sector mariño e o intercambio de información e asesoramento mutuo na planificación, organización e execución das actividades antes citadas, son outros obxectivos do acordo de colaboración entre ambas entidades ao abeiro do proxecto de Campus do Mar. “Un proxecto” que segundo o director do CESGA permitirá a consolidación dunha área de coñecemento na que xa levamos unha ampla traxectoria e acumulamos unha grande experiencia”.
O CESGA conta con experiencia na aplicación da computación á simulación oceánica e análise de datos chegando a desenvolver unha plataforma de colaboración no ámbito da oceanografía en colaboración con outras institucións.