DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director da entidade fai balance tras cumprirse un ano da súa fundación

O Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, capta un millón de euros en seis meses de actividade

Duplicar o cadro de persoal e trasladarse a Citexvi son algún dos obxectivos para 2009

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 15/12/2008

Levan pouco máis de seis meses de actividade real e captaron xa un millón de euros en proxectos.Cando se cumpre un ano da fundación do Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, o seu director, o catedrático da Universidade de Vigo, Fernando Pérez, admite que “o balance é moi positivo, o centro tecnolóxico sitúate nunha esfera diferente que te permite captar máis recursos”.
A constitución da fundación, na que participan once empresas do sector das TIC en Galicia, a Consellería de Industria e as tres universidades galegas, foi en decembro do 2007, pero o inicio da actividade real foi o 2 de maio, cando o centro comezou a dotarse de persoal.
Provisionalmente están instalados na ETS de Enxeñaría de Telecomunicación, onde no 2003 un grupo de profesores, con Pérez á cabeza, comezou a soñar con este proxecto. O vindeiro ano trasladaranse á Cidade Tecnolóxica de Vigo, alí ocuparán un espazo de arredor de 600 metros cadrados e terán a posibilidade de relacionarse máis directamente con outros centros tecnolóxicos, coma Energylab, o Centro Internacional de Eficiencia e Sostibilidade Enerxética, “e seguro que haberá sinerxías entre ambas entidades, xa que o sector das enerxías non está tan lonxe das telecomunicacións como pode parecer”, admite Pérez.

Seis meses a pleno rendemento

Dous proxectos con empresas por contratación directa; tres proxectos do Plan Avanza I+D, anteriormente coñecidos como Profit; dous proxectos do Plan Galego de I+D e un proxecto Cénit -este ano en España só se deron oito- dan idea da enorme actividade que se está a desenvolver neste centro.
Dende que comezaron admiten que petaron a moitas portas, moitos xa vellos coñecidos, “o certo é que nos foi moi ben, moito mellor do que esperábamos”, indica Fernando Pérez, quen tamén subliña que “estes meses foron coma unha carreira contra reloxo, puidemos facer as cousas máis de vagar, pero seguro que non teriamos logrado tanto”.
En canto aos proxectos con empresas, o director sinala que só pode dicir que se trata de
“dous traballos interesantes e dunha contía importante” non poden adiantar nada máis pois garanten confidencialidade e exclusividade nos temas. No referido aos proxectos do Plan Avanza I+D, un é sobre cine dixital, outro sobre monitorización de pacientes en contornas hospitalarias e outro está relacionado co chamado apagamento analóxico.
O proxecto Cénit é un traballo de recoñecemento biométrico para o control de fronteiras, “trátase de lograr identificar se as persoas son as que están no pasaporte e ese tipo de cousas”, explica o profesor vigués.
Referido aos dous proxectos do Plan Galego de I+D, Pérez avanza que un está orientado a estudar as tecnoloxías multimedia que vai demandar a industria os próximos anos e, o outro, está relacionado coas chamadas redes de sensores “moitos sensores que se comunican entre eles e que poden tomar decisións conxuntas”.

Un equipo que mestura a experiencia académica e profesional

Xunto a Fernando Pérez, outros dous profesores da ETSE de Telecomunicación, Javier González Castaño e Carlos Mosquera, forman parte do equipo directivo de Gradiant. Xunto a eles hai sete persoas contratadas e oito estudantes facendo no centro o proxecto fin de carreira “tivemos moito éxito na convocatoria e captamos os estudantes con mellor expediente”, admite Pérez.
Como xerente querían a alguén que xa tivera desempeñado postos de xestión na empresa e elixiron a Luis Álvarez Sestelo, un profesional con máis de dez anos de experiencia no sector das tics “ven de Comunitel o que significa que, por un lado, está relativamente familiarizado co campus pero tamén que tiña unha mentalidade totalmente empresarial”. Tres enxeñeiros e un doutor enxeñeiro completan o cadro de investigadores, ao que se une unha persoa encargada das labores administrativas. “Cada persoa encárgase de traballar nun so proxecto e as ideas máis revolucionarias, ensáianse cos proxectos fin de carreira”, comenta Fernando Pérez ao fío da conversación.

Un centro que se alimenta de ideas

A porta das instalacións de Gradiant nunca están pechadas, un innovador sistema de recoñecemento biométrico restrinxe a entrada libre a aqueles usuarios que están rexistrados. É só un exemplo dos traballos que se están a levar a cabo no centro.
Dende a dirección tentan que os investigadores se poñan a pensar doutra maneira... “a veces o investigador ten esa idea fugaz, ese momento no que se che prende a bombilla, pero non vai máis alá. Nós o que tentamos é que traia esa bombilla e xa logo tentaremos sacarlle rendemento”, explica Fernando Pérez.
Nos bolígrafos que emprega o persoal de Gradiant hai un lema, “alimentámonos de ideas” porque realmente o que buscan é que os investigadores se poñan a pensar realmente en ideas, aínda que sexan disparatadas, “porque desas ideas absurdas son de onde acaban saíndo as aplicacións”, sinala.
Para o sistema de recoñecemento biométrico están pensando xa noutras posibles aplicacións, segundo defenden, trátase dun sistema ideal para xerar todo tipo de animacións moito máis creativas, “por exemplo, pantallas que reaccionan dependendo de cara onde estea mirando o espectador, ou, por exemplo, nun escaparate para que saibas en que punto se fixa máis a persoa que o mira”, explica Pérez.

Plan de actuación para 2009

Incrementar a cifra de proxectos conseguidos e duplicar o cadro de persoal, tanto de investigadores como de apoio, son os principais retos que se formula a dirección de Gradiant para o 2009.
Xunto a eles, o gran fito segue sendo o traslado a CITEXVI, algo que ven máis preto trala sinatura dun convenio coa Consellaría de Innovación e Industria que suporá un investimento de 2.484.500 para o desenvolvemento de actuacións encamiñadas á creación e á posta en operatividade do centro. Os conceptos que se subvencionarán a través deste convenio serán gastos de persoal, de equipamento de laboratorio e material informático e de oficina e outros gastos relacionados coa asesoría, a formación, a difusión ou a representación do centro.
Máis alá disto, o “gran caramelo para o centro” sería entrar nalgún dos proxectos do VII Programa Marco. Para logralo están facendo un importante labor para darse a coñecer a nivel europeo, de conseguilo, os beneficios non só serían para Gradiante, “pois son un extraordinario vehículo para acceder a novas tecnoloxías e adquirir novos coñecementos que poderiamos transferir ás empresas galegas”.

Unha experiencia divertida

Este ano foi tamén o inicio de Gradiant nos actos da Semana da Ciencia, unha experiencia que cualificaron como moi enriquecedora. Por unha banda, trasladáronse a colexios para ensinarlles aos cativos que cousas se fan no centro e, do outro, lanzaron un concurso de ideas do que recolleron moitas ideas interesantes froito “da desbordante imaxinación dos mozos”. Gañou a idea dun reprodutor MP3 para invidentes, “unha idea que une a posibilidade de converterse nun produto comercial co compoñente de axuda a un sector que o precisa”.