DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inauguración do curso na Escola Naval Militar de Marín, presidido polo seu anterior director, Marcia

O Centro Universitario da Defensa embárcase no seu terceiro ano con 80 novos estudantes

Dende que comezou en 2010, a taxa de aprobados no CUD rolda o 85%

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 12/09/2012

A Escola Naval Militar de Marín inaugurou oficialmente este mércores o curso 2012 2013 baixo as ordes do seu novo comandante director, Juan Luis Sobrino, cargo que ostenta dende xullo. Os 511 alumnos e alumnas que conviven nesta academia celebraron este acto de empezo de curso arroupados polo seu antigo director, Marcial Gamboa, que realizou a súa primeira visita oficial á escola como contraalmirante director de ensinanza naval. O Centro Universitario da Defensa, CUD, adscrito á Universidade de Vigo, afronta o seu terceiro ano de existencia mantendo a taxa de matriculacións en primeiro curso do Grao en Enxeñaría Mecánica, necesario para ser oficial da mariña, “o que pon de manifesto a boa demanda que ten dende diferentes puntos do país”, sinala José María Pousada, director do CUD. Tras o tradicional acto castrense de Lectura das Leis Penais, o catedrático da Universidade Complutense de Madrid, Julio Iglesias de Ussel, impartiu unha conferencia sobre a transformación social de España.

O CUD iniciou a súa singradura no setembro de 2010 e tras dous cursos á fronte da súa dirección, José María Pousada atrévese a facer un balance positivo. “Os resultados son francamente bos xa que estamos mantendo a media de 80 de novo ingreso e a taxa de aprobados tamén é moi alta, arredor do 85%”, declara Pousada. Así, dos 70 estudantes que este ano cursan terceiro de grao, “60 teñen todo limpo e 10 con algunha materia pendente”, e na clase de segundo, con 80 alumnos e alumnas, “soamente oito suspenderon algunha”. Para o director do CUD, estes resultados son “moi positivos”, sobre todo tendo en conta “a dura planificación semanal de traballo, con 55 horas de clases e de estudo, imposta por normativa legal ao estudantado”.

En canto aos retos, “chegar a impartir o quinto ano”, comenta Pousada, “e que todo o alumnado que escolleu esta titulación reto saia adiante e coa taxa de fracaso o máis pequena posible”, engade. Por outra banda, o director do CUD destaca a importante demanda que está a ter o Grao en Enxeñaría Mecánica, “motivo polo cal se incrementou a nota de corte con respecto ao ano pasado, situándose por riba dos 10 puntos”, salienta. Os que cursan esta titulación non só terán unha titulación oficial, “senón que seránn oficiais da mariña cunha importante proxección profesional na armada”.

Distincións aos mellores

Neste acto inaugural, a ENM celebrou a xa tradicional Lectura de Leis Penais e homenaxeou aos mellores expedientes do pasado curso co nomeamento de 17 brigadieres e sub-brigadieres e 26 alumnos distinguidos, que toman a responsabilidade de guiar a instrución dose novos alumnos. O comandante director da escola, Juan Luis Sobrino, felicitou aos condecorados e dedicoulle unhas palabras ao alumnado de novo ingreso “que xa superou o período de adaptación e que xa está plenamente integrado na actividade da escola”. Lembroulle que o segredo do éxito “reside na previsión, na organización e, sobre todo, na constancia do traballo diario, polo que quero animarvos a que neste curso que acabades de empezar vos entreguedes ao máximo e ofrezades todos os días o mellor de vós mesmos”.

Tras o desfile do batallón de alumnos e dunha compañía de Marinería, estudantes e personalidades convidadas trasladáronse ao salón de actos da escola para escoitar a conferencia a cargo de Julio Iglesias de Ussel, catedrático da UCM, que fixo un percorrido pola transformación da sociedade española. Un almorzo no comedor dos alumnos presidido por Marcial Gamboa, puxo fin á celebración.