DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Novo modelo de ensinanza na Escola Naval Militar de Marín

O Centro Universitario da Defensa inicia singradura con 83 estudantes

A subsecretaria de Defensa inagurou as instalacións nas que se impartirá o Grao en Enxeñaría Mecánic

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
D. Besadío DUVI 07/09/2010

78 alumnos, 5 alumnas e 16 docentes en plantel son os principais números que marcan a posta en marcha do Centro Universitario da Defensa, adscrito á Universidade de Vigo e inaugurado esta mañá na Escola Naval Militar de Marín pola subsecretaria de Defensa, Mª Victoria San José, que estivo acompañada polo director do centro, o profesor da Universidade, José María Pousada, e polo capitán de navío comandante-director da Escola Naval, Marcial Gamboa, entre outras autoridades.

A inauguración do Centro Universitario da Defensa marca un antes e un despois, como se sinalou en numerosas ocasións ao longo do acto, na historia da escola, xa que por primeira vez se aplicará o novo plan de carreira para os alumnos e alumnas de primeiro curso pertencentes aos corpos Xeral e Infantería de Mariña. Eles serán os primeiros que, unha vez superados os seus estudos, recibirán ademais da titulación propia de Oficial de Mariña unha segunda titulación de Grao en Enxeñería Mecánica, “o título que a Armada precisa que posúan os seus oficiais”, tal como sinalou na apertura oficial do curso o director do novo centro, José Mª Pousada.

Docencia e investigación compartirán protagonismo

O descubrimento dunha placa conmemorativa por parte da subsecretaria de Defensa e do director do CUD, marcou o inicio dunha xornada que incluíu a visita ás instalacións do novo centro, xa totalmente adaptado ás necesidades especificas que marca o Espazo Europeo da Educación Superior. Área administrativa, aulas, despachos… foron algúns dos lugares que puido coñecer de preto a número 3 do Ministerio de Defensa, que tivo tamén a “honra”, segundo as súas propias verbas, de estrear coa súa sinatura o libro de honra do centro. Foi, sen embargo, a visita a unha sala onde se simulaba a ponte de mando dun navío un dos aspectos que máis espertou a súa curiosidade, “polo ben recreadas que están aquí as condicións de navegación, emulando incluso as diferentes condicións meteorolóxicas”, subliñou.

Tras esta visita o director da ENM, Marcial Gamboa, foi o encargado de impartir a primeira lección do curso na que, entre outras ideas, apuntou a necesidade de que nesta nova etapa que agora se inicia para a escola se manteñan unha serie de valores “fundamentais e complementarios”: honor, valor, disciplina, lealdade, prudencia, humanidade…

Como principal elemento diferenciador desta nova etapa, José Mª Pousada, sinalou que a investigación será un dos puntais do centro e “os investigadores do CUD terán a sorte de participar en diferentes proxectos do Ministerio de Defensa”, ao que engadiu que isto non suporá deixar de lado a vocación docente do centro e, “de feito, traballaremos para que o esforzo docente dos profesores se vexa recompensado”. Tampouco se esqueceu na súa intervención de felicitar ao alumnado pola súa elección, “sodes uns verdadeiros privilexiados, non desaproveitedes esta oportunidade”, un aspecto no que tamén insistiron o almirante xefe de persoal da Armada, José Francisco Palomino, e a propia subsecretaria de Defensa, quen ademais de desexarlles moita sorte, os retou a pór todo seu empeño na súa formación.

Forte presenza da Universidade de Vigo

José Mª Pousada, que durante anos exerceu como director da ETSE de Telecomunicación, estará acompañado na dirección do CUD, polos profesores da Universidade de Vigo, Santiago Urréjola, como subdirector, e Belén Barragans, como secretaria. Xunto a eles, que se encargarán tamén de labores docentes, acudiron a inauguración deste novo centro a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, e o director da ETS de Enxeiños Industriais, Luis González, que salientaron en ambos casos “a culminación dun proceso que ten detrás o traballo de moito tempo e de moitas persoas”, ao que a vicerreitora engadiu verbas de recoñecemento para os membros do anterior equipo de goberno “que traballaron arreo para que hoxe poidamos estar celebrando este acto”.