DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José María Pousada fixo un balance "moi positivo" do curso

O Centro Universitario da Defensa pecha o seu primeiro curso cun 83% de aprobados

Entregáronse os premios fin de carreira aos mellores alumnos de 5º, que xurarán bandeira este sábado

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 15/07/2011

A Escola Naval Militar de Marín celebrou este venres, véspera da celebración do Carme, o peche do ano académico 2010-2011 coa entrega dos premios fin de carreira aos mellores expedientes de quinto curso. Trátase do primeiro ano “de vida” do Centro Universitario de Defensa, CUD, do que tanto o director da Escola Naval, Marcial Gamboa, como o director do CUD, Jose María Pousada, fixeron un balance “moi positivo”, destacando a perfecta coordinación entre as diferentes xefaturas de estudo, “así como a convivencia fluída entre o alumnado de primeiro curso e os dos outros catro cursos restantes”, explicou o capitán de navío comandante-director da Escola Naval.

José María Pousada, tras finalizar o acto, amosouse plenamente satisfeito do labor realizado neste primeiro ano e indicou que o centro está xa preparado para o inicio do segundo curso do Grao en Enxeñaría Mecánica, destacando tamén o alto volume de aprobados no alumnado do CUD, “de 75 alumnos, 62 aprobaron todas as materias, o que para min é un rotundo éxito”, engadiu Pousada. Comentou ademais que a implantación do segundo curso provoca un aumento da presenza do profesorado universitario na Escola Naval, “que para o ano se duplicará, pasando de 8 a 16 docentes”. Nestes momentos o concurso de prazas xa está pechado e os novos profesores “chegarán de inmediato para recibir aos novos 80 alumnos, o que supón outro resultado excelente”.

Pola súa banda, Marcial Gamboa quixo salientar no seu discurso de clausura o perfecto entendemento entre a parte universitaria e a militar da escola, “producíndose unha estreita relación entre as dúas institucións”. Tamén tivo palabras de alento para os aspirantes de primeiro “que afrontaron o novo plan de carreira que comprende a formación militar e naval e a correspondente ao título de Enxeñaría Mecánica”, logrando ser os primeiros membros da Armada cunha titulación “recoñecida a nivel oficial”. Dedicou unhas palabras ao esforzo por parte dos profesores pola adaptación aos novos plans de estudos, “cunha continua avaliación dos métodos didácticos, cunha avaliación continua e cun sistema de titorías, o que produciu, froitos notables en termos de resultados académicos”.

Recoñecemento aos mellores expedientes

No acto académico deste venres fíxose entrega dos recoñecementos aos mellores alumnos e alumnas do último curso, ofrecidos polo Ministerio de Defensa, a Armada, as Marinas de Guerra de países amigos e diversas asociacións e institución vinculadas á Armada Española e á Escola Naval. En primeiro termo, realizouse a imposición de condecoracións a Carlos Vázquez, Loreto Pastor, Pedro Moisés Vivo, Daniel Rey, Sergio Sánchez, José María Risco e José Manuel Castelló, coa concesión dunha Mención Honorífica “por ter obtido as máis altas cualificacións”. A continuación, procedeuse á entrega de distintivos por parte de representantes de países amigos “aos alumnos que polos méritos contraídos, son acredores deles”. As asociacións Liga Naval de Estados Unidos, a Real Asamblea Española de Capitanes de Yate, a Asociación de Oficiales de Complemento de IM e a Fundación Alvargonzález tamén condecoraron a outros estudantes excelentes. Por último, personalidades da Escola Naval tamén entregaron obxectos de utilidade profesional.

Mañá sábado 16 de xullo, a Escola Naval Militar de Marín vivirá “o día máis importante do ano no centro”, co acto de recepción dos Reais Despachos que acreditan aos estudantes de quinto curso como Oficiais da Armada e dos Corpos Comúns, contando coa presenza dos Príncipes de Asturias e de autoridades militares e civís de relevancia nacional.