DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Antonio Ruesta visitou a Escola Naval Militar de Marín

O Centro Universitario da Defensa recibe ao almirante xefe de Persoal da Armada

Nunha xuntanza co profesorado puido coñecer as labores de investigación que se pretenden levar a cab

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 22/01/2014

O profesorado civil e militar da Escola Naval Militar de Marín recibiu este martes a José Antonio Ruesta Botella, almirante xefe de persoal da Armada, que na súa visita a este centro puido coñecer de primeira man as inquedanzas do persoal docente do Centro Universitario da Defensa (CUD), así como ser informado dos labores de investigación que este centro adscrito á Universidade de Vigo pretende levar a cabo a partir do vindeiro curso académico. Así mesmo, puido tamén reunirse co alumnado da escola.

No marco desta visita, na que Ruesta Botella estivo acompañado polo director de Ensino Naval, o contralmirante Marcial Gamboa Pérez-Pardo, desenvolveuse un acto de revista ao batallón de alumnos e o posterior desfile, precedido pola rendición de honras de ordenanza, que as malas condicións climatolóxicas obrigaron a celebrar no interior do ximnasio Almirante Bonifaz. Posteirormente, o almirante xefe asinou no libro de honra da Escola Naval e aproveitou a súa estadía no centro de Marín para dirixirse aos alumnos, cos que puido reunirse tanto no salón de actos coma no comedor.

Ruesta Botella, almirante xefe de Persoal desde outubro de 2013, estivo destinado ao longo da súa dilatada traxectoria en numerosos buques de Armada e Estados Maiores, como o da Agrupación Naval Permanente da OTAN no Mediterráneo ou o Cuarto Militar da Súa Maxestade o Rei, así como na propia Escola Naval Militar no último ano como comandante de Brigada do Príncipe de Asturias. Co seu ascenso a contraalmirante en 2007, pasou a ocupar o cargo de director de Ensino Naval nun período no que participou activamente na transformación do Sistema de Educación Naval para axustalo ao Espazo Europeo de Educación Superior, deseñado a partires dos acordos de Boloña.