DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Michel Bonifay, especialista en cerámica tardorromana:

“A cerámica africana inundou a cunca mediterránea en toda a Antigüidade Clásica”

Trinta arqueólogos participaron nun obradoiro teórico-práctico sobre estas ánforas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 27/11/2009

Michel Bonifay, un dos maiores especialistas en cerámica tardorromana do panorama investigador europeo, dirixiu un obradoiro teórico-práctico na Facultade de Historia co gallo do II Encontro de estudos sobre cerámica antiga do Noroeste peninsular. No curso participaron trinta arqueólogos que tiveron a oportunidade de manexar pezas orixinais procedentes de Túnez e de varios xacementos vigueses recentemente escavados, como o de Mirambell en Toralla ou o da rúa Rosalía de Castro. Este segundo encontro sobre cerámica antiga incluíu tamén unha conferencia divulgativa a cargo do propio Bonifay sobre o comercio mediterráneo na época tardorromana.
Explica Bonifay que a cerámica africana “é unha das cerámicas mediterráneas de meirande expansión en toda a Antigüidade clásica”. De feito, estas pezas inundaron a cunca mediterránea e espalláronse por todo o Imperio Romano dende o período flaviano ata a conquista árabe. E, por suposto, chegaron a Galicia.

Cerámica africana, un “pequeno elemento de luxo” para o Noroeste peninsular

A importancia destas pezas depende do tipo, e así o afirmou o historiador. Por unha banda as ánforas, “onde o valioso era o seu contido, manufacturas alimentarias na maior parte dos casos”. E pola outra, a cerámica fina ou de mesa. “Non son unhas pezas especialmente ricas, pero ter no Noroeste peninsular este tipo de cerámica supuxo para os seus habitantes un pequeno elemento de luxo e confort”, explicou. Bonifay tamén fixo fincapé na importancia destas pezas para descubrir anacos da historia. A través da súa análise, os arqueólogos poden saber que Galicia, na época romana tardía, “era o punto de unión entre o comercio mediterráneo e o comercio atlántico, polo que xogaba un papel moi importante dende o punto de vista económico e de intercambio de mercadorías”, sinala. O estudo das pezas permite coñecer tamén cando e onde se fabricaron, pero non por quen, “porque para iso habería que saber como era a organización social da produción, e disto hai moi pouco investigado”.
As cerámicas africanas eran reagrupadas en almacéns para a súa exportación posterior por vía marítima. Neste contexto, os barcos xogaban un papel fundamental, sobre todo os destinados á carga. Polo que respecta aos mercados, Bonifay sinalou que a documentación sobre este tema “é moi abundante, pero tamén de moi dubidosa calidade”. Por iso, falou dos mercados como “o destino final das cerámicas africanas” e propuxo algunhas hipóteses sobre os modos de direccionamento das mesmas.

Unha ollada aos lugares de fabricación das pezas a través dos seus restos

Os asistentes ao obradoiro puideron observar as pastas e os cortes de pezas orixinais, o que lles permitiu aproximarse aos lugares de fabricación das mesmas en África. Bonifay subliñou que este continente “é moi grande” e que, na actualidade, “xa non abonda cunha vaga e xenérica identificación da orixe africana, se non que é necesario estudar de qué área concreta proveñen, cáles son os produtos –alimentarios ou doutro tipo- contidos nas ánforas e cales son as mercadorías que os acompañaban, como a vaixela de mesa e cociña ou as lucernas”, explica.
O II Encontro de estudos sobre cerámica antiga do Noroeste peninsular desenvolveuse durante os días 26 e 27 de novembro na Facultade de Historia co obxectivo de crear un foro especializado de estudo sobre estas ánforas. Nas xornadas participaron arqueólogos profesionais e investigadores que amosaron os avances realizados neste campo, analizaron a problemática actual do mesmo e propuxeron solucións e liñas de investigación futuras.