DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao seu abeiro celebraranse as Xornadas Internacionais de Comunicación Institucional e Imaxe pública

O cerimonial universitario centra o XII Curso Complementario de Comunicación e Protocolo

É a actividade académica con maior número de alumnos, xa que conta con máis de 200 matriculados en c

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 07/02/2012

Cumpre doce anos e está recoñecido como actividade de formación “de referencia no eido da comunicación institucional”. O XII Curso Complementario de Comunicación e Protocolo dirixido polo profesor Fernando Ramos prepara os últimos detalles de cara a súa celebración o próximo mes de maio na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Desta volta o protocolo e a imaxe das institucións universitarias terán un papel destacado nun encontro que congrega a máis de 200 inscritos en cada ano. Segundo o seu organizador, “o éxito deste curso está avalado polos 12 anos que se leva celebrando ininterrompidamente, ademais de por congregar ao maior número de alumnos do sistema universitario de Galicia”.

Nesta duodécima edición impartiranse un total de 14 conferencias e debates da man dos principais expertos e profesionais deste eido da comunicación de España e do Norte de Portugal “cun marcado acento universitario en canto aos poñentes convidados”. De xeito paralelo ás conferencias, o curso inclúe a celebración das Xornadas Internacionais de Comunicación Institucional e Imaxe Pública, un encontro entre profesionais “que se poñen en contacto cos investigadores para a súa reciclaxe e co alumnado para achegarlles unha experiencia práctica”, explica Ramos.

A proxección pública das institucións universitarias será un tema de análise importante e centrará a conferencia inaugural de José Álvarez Marcos, profesor titular e director de Comunicación da Universidad de Sevilla, que dará o pistoletazo de saída reflexionando sobre A imaxe pública da Universidade pública. Na mesma liña, María Dolores Sánchez, coordinadora do Máster en Protocolo da UNED, afondará no cerimonial universitario e no seu tratamento na ensinanza superior.

O emprego das novas tecnoloxías

Os beneficios que as novas tecnoloxías poden achegar ao protocolo tamén serán obxecto de debate. Dúas investigadoras da Universidade, Blanca Piñeiro e Marián Rodríguez, analizarán as últimas tendencias e ferramentas empregadas na organización de eventos, “pondo a tecnoloxía ao servizo da imaxe corporativa e do protocolo”. Por outra banda, o cerimonial tamén será tratado dende a perspectiva da realización televisiva, “convertendo un acontecemento formal nun espazo de interese” da man do profesor Paulino Feijoo.

Nesta edición tamén participará como convidado Jordi Xifra, un dos referentes internacionais sobre a investigación en relacións públicas que afondará na xestión da imaxe oficial dende o poder. O protocolo do goberno autonómico, a xestión do cotiá por parte dunha pequena consultaría de relacións públicas, as celebracións dos bicentenarios de independencia das repúblicas de América, os eventos en hoteis, o tratamento da DO Rías Baixas e o protocolo militar completan a lista de temas de estudo do programa. María Teresa Otero Alvarado, presidenta da OICP, clausurará esta nova edición do curso coa conferencia A nova etapa da Organización Internacional de Cerimonial e Protocolo. Retos, desafíos, recursos e posibilidades de estender a cultura da excelencia.

Matrícula gratuíta por Bubela

A asistencia ao curso é gratuíta. A matrícula abrirase proximamente e poderase realizar a través da plataforma web de Bubela. O alumnado da Universidade de Vigo que o curse poderá optar ao recoñecemento de dous créditos ECTS “ademais de enriquecer o currículo de todos os inscritos ao facilitar, no seu remate, un diploma de asistencia asinado polo reitor da Universidade e expedido polo Servizo de Títulos da institución”.