DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sandra Barreiro, Antía Iglesias e Lucía Perdiz obteñen unha bolsa de estudos de 7500 euros

O certame Novos Valores premia as creacións de tres alumnas do campus

As obras finalistas exhíbense desde este xoves no Museo de Pontevedra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 13/07/2023

Continuar cos procesos de investigación e creación que desenvolven para as súas teses de doutoramento, no caso de Antía Iglesias e Sandra Barreiro Parguiña, e ampliar a súa formación cursando o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, no de Lucía Perdiz. Ese será o destino das bolsas para ampliar os seus estudos artísticos que a Deputación de Pontevedra outorga a estas tres estudantes da Universidade de Vigo, como gañadoras do certame Novos Valores. As obras polas que resultaron premiadas exhíbense desde este mércores no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra, xunto ao resto de creacións seleccionadas como finalistas dun certame dedicado ás novas xeracións de creadores e creadoras, boa parte delas realizadas por egresadas, egresados e estudantes da Facultade de Belas Artes.

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e o director do Museo, Xosé Manuel Rey, inauguraron nesta xornada, xunto ás e os artistas, unha exposición que poderá visitarse ata o 24 de setembro. A selección das 20 obras finalistas que integran esta mostra correu a cargo dun xurado integrado por Rey como presidente; a profesora de Belas Artes María Covadonga Barreiro; o xornalista cultural e crítico de arte Ramón Rozas; a directora da colección de arte da Fundación María José Jove, Susana González; a artista e doutora en Belas Artes Carmen Nogueira e a conservadora de fondos xerais do Museo, Beatriz de San Ildefonso. Desta vintena de obras, o xurado seleccionou como gañadoras destas bolsas de estudos as creacións pictóricas sobre pano 1851-1888-1900, da alumna de doutoramento Sandra Barreiro Parguiña; a peza escultórica Percorrer, atravesar, andar..., da estudante de mestrado Lucía Perdiz; a instalación Estados intermedios. Estados residuales, da tamén alumna de doutoramento Antía Iglesias, e o videoensaio Canto custa unha imaxe?, de Andrés Sanjurjo.

Panos que percorren as exposicións universais

Egresada no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, Sandra Barreiro Parguiña centra “na figura do pano” a investigación que desenvolve no doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea. E no marco das súas exploracións sobre as posibilidades deste formato, “tanto a nivel de deseño como do valor da peza en si mesma”, xurdiu a colección pola que resultou premiada neste certame. Nela, explica, rescata “varias das emblemáticas exposicións universais que tiveron lugar na segunda metade do século XIX, traducidas nun imaxinario multicultural de arquitectura, monumentos e invencións de diversa natureza". Concretamente, as exposicións celebradas en 1851, 1888 e 1900 en Londres, Barcelona e París foron as representadas por Barreiro Parguiña en tres deseños impresos en seda, nos que “o pano é entendido como un lenzo”, no que se plasman ilustracións previamente realizadas con acuarela, tinta chinesa e acrílicos. A través delas, apunta, busca “achegar ao público unha parte deses momentos revolucionarios, que foron imprescindibles para entender a historia tal e como a coñecemos hoxe”. 

“Se o feito de que os panos fosen seleccionados para a exposición no Museo de Pontevedra era xa algo fantástico, que fosen elixidos entre os premiados é unha sensación incrible”, salienta. Esta alumna da Facultade de Belas Artes destinará a súa bolsa de estudos a continuar coa súa investigación, na que se insire a estadía que proximamente levará a cabo no Musée de l´Impresion sur Étoffes, na cidade francesa de Mulhouse, así como á creación de novos deseños. 

Reflexións sobre a mobilidade

Graduada en Belas Artes, o traballo artístico de Lucía Perdiz xira en torno “ao concepto de mobilidade e territorio”, ás ideas de traslado e movemento que implican conceptos “como as fronteiras, as estradas ou as marxes”. Percorrer, atravesar, andar..., a obra pola que foi premiada, afonda nesas mesmas ideas a través dunha “acumulación de vultos", no que obxectos “pertencentes ao fogar” como alfombras, mantas ou obxectos téxtiles, preséntanse con “marcas, raiados e manchas”, que reflicten “o rastro do tempo”, sobre un bidón de gasolina. Coa súa combinación, a artista buscou trasladar a través un “carácter inestable e efémero, que alude directamente á urxencia e necesidade de desprazarse", e que remite á “linguaxe do urxente, o transitorio e o inestable, propia dos espazos de transito e mobilidade”, explica.

“Novos Valores supón unha grande oportunidade para dar a coñecer o traballo dos artistas que estamos comezando”, salienta Perdiz Dávila. Como explica, destinará unha bolsa que recibe como “unha recompensa que anima a continuar polo camiño da arte”, aos gastos asociados a cursar o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, da Facultade de Deseño.

Os vínculos entre arte e ciencia

Estudante do doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible do Campus Crea, Antía Iglesias ve nesta bolsa un “soporte para finalizar a miña investigación doutoral”, centrada no “aproveitamento do residuo de especies vexetais invasoras e a súa análise e implicacións artísticas e conceptuais”. Integrante do grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, Iglesias non puido acudir ao acto deste xoves e trasladou a través da súa nai o seu agradecemento “polo recoñecemento que supón este premio”. 

Enmarcada na súa liña de investigación, a súa obra “mostra un estado temporal do proceso de secado dos pigmentos orgánicos extraídos das especies” vexetais coas que traballa e coas que conformou unha instalación que busca “reflectir o potencial artístico e poético da investigación científica e crear vínculos entre arte e ciencia”. No seu caso, a bolsa outorgada neste certame permitiralle levar a cabo estadías de investigación no Basque Biodesign Center, no Labverde do Brasil e no obradoiro Ogami Press de Madrid.