DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns arrancou en Allariz un curso de extensión universitaria centrado neste tema

Cervexa artesanal e sidra ecolóxica buscan o seu oco no turismo enolóxico

Os participantes visitarán negocios locais que traballan nestes sectores

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 25/09/2017

Este luns arrancou no Concello de Allariz o curso de extensión universitaria Turismo baseado na cultura da produción tradicional do viño, da cervexa e da sidra, coordinado desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense polos docentes José Antonio Fraiz e Noelia Araújo. Tendo en conta a presenza neste concello ourensán da empresa de cervexa artesanal Dama Alaricana, a cita comezou analizando e reivindicando o potencial da cervexa artesanal no eido do turismo experiencial e enolóxico, tomando como exemplo o desenvolvemento que si hai no sector do viño.

Alén dos coordinadores da cita, a inauguración do curso este luns no Centro de Promoción Económica de Allariz contou coa participación de Francisco García, alcalde deste concello ourensán. Da iniciativa, na súa inauguración destacouse a oportunidade que dá ao seu alumnado de coñecer de primeira man realidades relacionadas co seu eido de estudo, neste caso o turismo, e o feito de que permite levar a actividade universitaria fóra das aulas e achegala a concellos da contorna, neste caso Allariz. O curso, que este ano celebra a súa segunda edición, reúne a unha vintena de persoas, principalmente alumnado de grao e mestrado de Turismo do campus de Ourense. “O pasado ano os participantes quedaron moi satisfeitos, sobre todo por poder ver in situ negocios relacionados co turismo e coñecer a opinión e visión de xente que traballa neles, non só de expertos do eido académico”, explicou Noelia Araújo.

Allariz e A Estrada

As sesións de traballo comezaron este luns cunha intervención do propio José Antonio Fraiz, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, na que analizou cos asistentes as características do turismo experiencial e o papel da cervexa nel. Tras explicar como este turismo aposta pola vivencia de quen o practica, á marxe do turismo de masas, o docente destacou a importancia que nel teñen as sensacións e as emocións do visitante. Ao longo da súa intervención, Fraiz repasou experiencias que no eido da cervexa e o turismo se desenvolven en países europeos como Alemaña, Holanda ou República Checa, poñendo sobre a mesa a falta de iniciativas neste eido en Galicia, salvo algunha excepción. Porén, recalcou, “o seu potencial é moi interesante”, lembrando o papel que xoga a cervexa en produtos turísticos como festivais, rutas ou mesmo centros de beleza e saúde.

Trala súa intervención, o curso Turismo baseado na cultura da produción tradicional do viño, da cervexa e da sidra continuou cunha conferencia do xerente de Dama Alaricana, Darío Conde, na que falou da relación entre cervexa artesanal e turismo tomando como referente a súa experiencia empresarial no Concello de Allariz. Durante a súa intervención explicou aos asistentes as características da produción e comercialización da cervexa artesanal que realizan con produtos de base locais. Tamén falou do potencial da maridaxe deste produto na gastronomía e doutros aspectos que xa están desenvolvidos na “cultura do viño” pero que aínda non chegaron ao da cervexa artesanal. Para coñecer de primeira man esta empresa e os seus produtos, os asistentes desprazaranse esta tarde ás instalacións de Dama Alaricana en Allariz.

Despois desta primeira sesión dedicada á cervexa artesanal, o martes e mércores o curso continuará afondando no turismo enolóxico pero xa centrado na sidra ecolóxica, desprazándose a actividade ao Concello da Estrada. Alí, os participantes terán a oportunidade de, ao igual que o fixeron en Dama Alaricana e Allariz, de coñecer de primeira man a produción e funcionamento dunha sidraría ecolóxica, Lagar Ribela, e de analizar o seu impacto e potencial para o desenvolvemento da contorna local.