DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase do 1 ao 6 de xullo e participarán 36 equipos de 25 nacionalidades

CES UVigo será o primeiro equipo español en competir na prestixiosa regata Monaco Energy Boat Challenge

Abertos á chegada de novos patrocinadores que lles axuden a sufragar os gastos de desprazamento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 17/04/2024

O equipo CES UVigo, composto por 20 alumnos e alumnas das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo, converterase este verán no primeiro equipo español en competir na prestixiosa regata Monaco Energy Boat Challenge en categoría solar, un evento de gran relevancia internacional que se celebrará en Mónaco do 1 ao 6 de xullo e no que participarán 36 equipos procedentes de 30 universidades e 25 nacionalidades. Farano co Boeiro I, o primeiro barco solar da Universidade de Vigo, un trimarán de seis metros de eslora e dous de manga no que a maior parte do equipamento foi deseñado e fabricado “con moitísima ilusión e empeño” polos integrantes do equipo.

Tras as últimas probas realizadas na ría de Vigo a embarcación demostrou xa a súa capacidade para navegar de forma eficiente e sostible. A competición en Mónaco será agora “a oportunidade de  levar a innovación galega e española aos mares internacionais”,  explican Marcos Pardeiro, líder do equipo, e Lorena Gil, responsable da parte técnica, as dúas caras máis visibles dun proxecto composto por un grupo “tremendamente multidisciplinar que amosa a excelencia e o talento dos estudantes da Universidade de Vigo en eidos tan diversos como  a enxeñaría de telecomunicación, a enxeñaría industrial e a enxeñaría da enerxía”.

Éxito das probas realizadas na ría de Vigo

Presentaron a embarcación o pasado mes de setembro e, dende entón, seguiron traballando arreo para ultimar todos os detalles. O punto culminante de todo este percorrido foi o éxito das probas do Boeiro I na ría, nas que o equipo conseguiu que a súa embarcación “voase sobre a auga, demostrando a viabilidade e a eficacia do seu deseño innovador e das tecnoloxías sostibles utilizadas”.

Ao longo de varias semanas foron validando as diferentes partes da embarcación. “Na primeira proba validamos toda a parte de enerxía; comprobamos que os paneis estaban funcionando e a batería estaba cargando e descargando como era previsto”, explica Pardeiro. “Na segunda, optamos por testear a velocidade de despegue e a maniobrabilidade do barco e obtivemos resultados moi prometedores, cunha velocidade de despegue duns 7 nós e unha capacidade de maniobra bastante boa”, engaden os estudantes.

Na última serie de probas validaron o sistema de ‘hidrófolis’, a principal sinal de identidade do Boeiro I e o que o diferencia dos seus competidores. Trátase, tal e como explican os seus creadores, dunha serie de pezas que funcionan de xeito similar ás das ás dun avión, pero neste caso mergulladas, de maneira que, cando se alcanza certa velocidade, sosteñen toda a estrutura por enriba da auga. 

Abertos á chegada de novos patrocinadores

A participación do CES UVigo na Monaco Energy Boat Challenge marcará para eles un feito histórico e, ao mesmo tempo,  unha oportunidade para seguir avanzando na vangarda da innovación e da sustentabilidade mariña. Nesta liña, o equipo agarda “ansiosamente” este evento, onde non só competirán coa mellor tecnoloxía, senón que tamén terán a oportunidade de aprender e colaborar con outros equipos internacionais, contribuíndo así  ao avance global da navegación ecolóxica.

“De aquí a xullo imos estar pulindo os pequenos detalles que faltan para que o noso barco pase as inspeccións técnicas do comité da competición. Quédannos meses de traballo duro, polo que estamos completamente abertos a calquera tipo de axuda que nos poidan ofrecer”, subliña Pardeiro, quen especifica que o equipo está aberto  a achegas de novos patrocinadores que lles axuden a levar o seu proxecto a Mónaco.

 “A busca activa de apoio financeiro non só garantirá a participación do equipo no evento, senón que tamén facilitará a continuidade da súa investigación e desenvolvemento en materia de navegación sostible e enerxías renovables”, recalca o líder do equipo, quen convida a todas as empresas interesadas a pórse en contacto co equipo a través da súa web.

Un gran reto náutico e múltiples premios

Os equipos participantes na Monaco Energy Boat Challenge teñen que ter desenvolvido un reto náutico centrado na innovación e a sostibilidade, explorando novas tecnoloxías, materiais innovadores e sistemas de propulsión alternativos que reduzan o impacto ambiental mantendo o rendemento náutico. 

Repartiranse diferentes premios (récord de velocidade, resistencia, mellor comunicación en redes...) e este ano incorporaron o premio da Fundación Príncipe Alberto II de Mónaco, que premiará con 25.000 euros a mellor solución tecnolóxica para a navegación a vela en materia de eficiencia enerxética e redución de carbono.