DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

César Bolaño desgrana a evolución do mercado televisivo brasileiro nas últimas décadas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 22/01/2009

A evolución do mercado televisivo brasileiro nos últimos corenta anos centrou a intervención do profesor da Universidade de Sergipe, César Bolaño, ante os profesores e estudantes de doutoramento da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Bolaño, que se formou no xornalismo e realizou o seu doutoramento en economía, desglosou a forte relación entre os problemas do sector das comunicacións brasileiras e o tardío desenvolvemento capitalista neste país.
Bolaño arrancou a súa exposición na fin da década dos cincuenta cando "o proceso de industrialización pesada deixou a economía brasileira nunha dinámica interna e autosostible aínda que con ocos importantes, como o das telecomunicacións”. Segundo o profesor brasileiro, paralelamente no campo das comunicacións, a ditadura militar tomou conciencia “da importancia da publicidade e da propaganda, ademais das infraestruturas, na construción dun mercado nacional”. Neste escenario, apareceu a televisión Globo que actuou como “cabeza dun oligopolio ao que o goberno lle cedeu o control”. Nos anos 70, a empresa xa é o principal actor do mercado das comunicacións. “A partir de aquí”, segundo sinalou Bolaño, "constrúese non só o mercado brasileiro de televisión, senón os hábitos de consumo e o público mesmo” xa que Globo, como gran promotora de contidos, alcanza unha fidelización de público tan grande que fai imposible outras entradas no mercado. Este foi, segundo Bolaño, “a victoria máis importante do proxecto cultural dos militares”. De feito, o efecto foi tan forte que “se mantén logo da ditadura, xa que os gobernos quedan atrapados nela”. Como contrapartida, “esa promiscuidade entre o económico e o político a nivel nacional cuestiona o proceso de democratización do país”, sinalou.

A chegada da televisión de pago

Bolaño, que é vicepresidente da Asociación Latinoamericana de Investigadores da Comunicación, tamén sinalou un “punto de corte” en 1995, coa “madurez da televisión de pago e a privatización de Internet”. Neste punto, que Bolaño xa anunciara nos 80 polos síntomas de “segmentación dos públicos”, comeza a deconstrución do vello modelo e ábrense “posibilidades aos novos competidores” o que xenera “unha tensión no sector pola inversión que esixe a continuación do desenvolvemento tecnolóxico”.
Outro momento de tensión foi, segundo Bolaño, a ruptura do modelo no sector das telecomunicacións que, mediante a privatización impulsada por Estados Unidos, “meteu no patio de casa competidores internacionais no momento da converxencia”.

As dificultades da TDT en Brasil

Nos últimos tempos o principal debate do sector foi a adopción da Televisión Dixital Terrestre e a decisión por un estándar de televisión dixital. A adopción do modelo xaponés, que se deixou en mans dos grupos de radiodifusión para dificultar a participación das empresas de telecomunicacións no sector de televisión e manter así o status quo, é “complicada porque Internet xa ofrece eses contidos”. Deste xeito, a disputa que veremos nos próximos tempos será entre “dúas lóxicas a de Internet enfrontada á da televisión de masas”.