DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cesión do edificio da ONCE abre a posibilidade de ter residencia no campus en 2011

Así o manifestaron Teresa Casal e Jesús Hernández trala reunión mensual da comisión Concello-Univers

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 25/03/2010

Hoxe tivo lugar a reunión mensual da comisión bilateral Concello-Universidade, da que deron conta á saída en rolda de prensa Teresa Casal, concelleira de Urbanismo, e Jesús Hernández, vicerreitor do campus. Ambos quixeron salientar o bo curso dos trámites burocráticos para poñer á disposición da Universidade o edificio da ONCE, ponte necesaria para facer realidade unha das maiores necesidades do campus, unha residencia. Prevese un prazo de dous meses para a sinatura do convenio, o que daría paso á súa remodelación coa intención de poñer en funcionamento a residencia en 2011.
Teresa Casal asegurou trala reunión da comisión que o Concello está xa intercambiando os documentos necesarios coa ONCE para levar adiante a permuta que poñerá a disposición municipal o edificio. “Despois de Semana Santa, o día 8 ou 9, teremos unha reunión con eles para plasmar coa maior axilidade a efectiva permuta da residencia polos terreos da Unidade 18”, sinalou, o que posibilitaría poder asinar o convenio de cesión temporal coa Universidade dentro de dous meses.

Necesaria unha remodelación por valor de 2 millóns de euros

Pola súa parte, o vicerreitor destacou que xa están avanzando nun modelo de convenio para poder abordar o edificio o antes posible. O edificio xa foi analizado polos técnicos do campus e, segundo informou o vicerreitor, require un cambio da cuberta e un tratamento completo da envoltura para paliar os problemas de humidade. “Ademais de residencia queremos ofrecer tamén servizos tanto universitarios como dirixidos a todos os cidadáns con aulas de estudo e de internet e instalacións deportivas”, afirmou o vicerreitor, para subliñar que toda a planta baixa e o ximnasio anexo serán tamén remodelados para facer isto posible.
En función do anterior, valórase un posible gasto para a adecuación do edificio de 1,5 ou 2 millóns de euros, o que fai necesario un concurso público, que dilata a previsión inicial de abrir a residencia a comezos do vindeiro curso. “Pola experiencia máis recente que temos neste tipo de concursos, que é a da gardería, preséntanse moitas empresas e facer a valoración de todos os proxectos leva o seu tempo”, explicou Hernández. Traballarase como nova meta a posibilidade de abrir a residencia no segundo cuadrimestre de cara á chegada do alumnado do programa Erasmus. “Recibimos anualmente máis de 40 estudantes estranxeiros, que teñen moitas dificultades para atopar aloxamento na cidade, polo que sería ideal poder poñer a súa disposición a nova residencia, aínda que vexo difícil poder conseguilo”, dixo.

Último paso para a posta a disposición dos terreos de Tafisa

No relativo á cesión dos terreos de Tafisa para a construción do Edificio das Artes, Teresa Casal informou de que “o proceso está en intervención, o que é o último paso para que se poida formalizar a posta a disposición da Universidade”. Neste caso, o vicerreitor reiterou que “en canto se asine o convenio, ao día seguinte xa se pode encargar o proxecto básico de execución, pois o orzamento do campus contempla unha partida de 440.000 euros para isto”.
Jesús Hernández quixo reiterar “a necesidade urxente deste novo edificio no campus, polo que a Universidade quere que estea construído canto antes, aínda que sabemos que unha obra desta envergadura require como mínimo catro anos para a súa execución”. Segundo o vicerreitor, está constatada a insuficiencia do edificio actual para desenvolver a actividade coa nova estrutura docente. Sinalou tamén a carencia xeral de espazo de cara á próxima apertura do mapa de titulacións en Galicia e precisou que o Edificio das Artes contemplaba espazo suficiente para ese crecemento futuro.
No relativo á situación urbanística dos terreos, Teresa Casal salientou que en breve rematará o prazo de exposición pública da modificación realizada, polo que a súa aprobación provisional por parte do Concello será efectiva no mes de maio e a aprobación definitiva por parte da Xunta de Galicia pode demorar tres meses.