DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense ofrece este cuadrimestre 18 obradoiros

Cestaría, danza, astronomía e moito máis a partir do luns

Entre as novas proposta destaca o obradoiro de animación do creador Dirk Van De Vondel

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 17/02/2011
Por descubrir unha nova afección, por curiosidade, por coñecer xente, por relaxarse, por divertirse, por aprender algo diferente. Son moitos os motivos polos que desde a Vicerreitoría do Campus de Ourense animan á comunidade universitaria e ás persoas de fóra dela a inscribirse no seu programa de obradoiros que comeza o 21 de febreiro. Son 18 talleres que abranguen temáticas tan diversas como a cestaría, a danza, o teatro, a astronomía, a animación, a fotografía dixital ou o estilismo.

Filemón Rivas, xestor de Actividades Culturais do campus, salienta que o programa mestura “a continuidade dalgúns obradoiros que veñen tendo moito éxito en cada edición, coa consolidación de propostas introducidas recentemente e coa incorporación de novidades moi interesantes”. Con esta programación buscan ofrecer actividades complementarias para a comunidade universitaria, pero tamén para persoas alleas a ela.

Entre estas propostas consolidadas destacan os tres obradoiros da Aula de Teatro, a cargo da compañía Sarabela Teatro, cuxo alumnado participará na Miteu a principios de abril, unha cita de referencia consolidada no sector. Entre os talleres en proceso de consolidación están as propostas de danza e cestaría. O obradoiro de Danza tivo a súa primeira edición no anterior cuadrimestre, onde da man do colectivo escénico Traspediante, unha ducia de alumnos e alumnas aprenderon a expresarse a través do movemento corporal.

Unha das propostas máis orixinais do programa é o obradoiro de cestaría. É a segunda edición e será ofrecido pola profesora de Ciencias da Educación Fátima Graña e a artesá Mª Xesús Labrador. “As persoas que asistan a el aprenderán a construír un cesto de vimbio grande mentres lle vamos explicando o valor desta artesanía como elemento do noso patrimonio cultural inmaterial e como parte dos oficios tradicionais galegos” explica Fátima Graña.

Aproveitando recursos propios

No que se refire ás novas propostas destaca un obradoiro de cinema de animación no que o creador Dirk Van De Vondel amosará aos inscritos o xeito crear unha pequena animación a partir dunha curtametraxe. Van De Vondel é un destacado creador que ten realizado pezas para Coca-Cola, Nokia, a Tate Gallery, Siemens ou Seat, deixando en todas elas a pegada do seu característico estilo.

Ademais dos obradoiros sinalados, no deseño do programa deste cuadrimestre, salienta Filemón Rivas, fíxose fincapé en aproveitar os recursos e ferramentas dispoñibles no campus. Así, o Gabinete Psicopedagóxico ofrecerá ao alumnado un “kit de supervivencia” para os primeiros anos na Universidade e traballará cos asistentes na prevención de accidentes de tráfico. Do mesmo xeito, diferentes profesores do campus e alumnado de últimos cursos serán os encargados de impartir moitos dos obradoiros.