DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Chámalle X bota a andar da man de Daniel Pires e Faite Público

Joao Samoes e José Iges completan a programación do primeiro día

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 25/11/2008

A primeira xornada do ciclo, Chámalle X, meteuse de cheo a coñecer a realidade da performance en Portugal e o modelo do espazo Maus Hábitos da man do seu director, Daniel Pires. Ao mesmo tempo, Zaida Gómez e Julio Fernández poñían en marcha a primeira fase da súa acción Faite Público, captando colaboradores para a súa perfomance, que terá a rede como soporte de difusión. A directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes, Ana Belén Fernández Souto; o secretario da Facultade de Belas Artes, Juan Carlos Meana e o director do ciclo, Carlos Tejo, foron os encargados de inaugurar a quinta edición destas xornadas de arte en acción.
Na súa exposición, Pires, que leva máis de oito anos traballando con arte contemporánea e espazos de exposicións, falou sobre “a desaparición do centro na vida dos artistas”, feito que deixa no pasado o paradigma do artista que sae da universidade e monta o seu taller para vivir e traballar establecido nun mesmo punto. Esta idea é imposible na actualidade porque “o traballo non sempre está onde vive e agora a pregunta que debe facerse o artista é 'onde estou?'”. Destas mesmas raíces xurdiu Maus Hábitos que supón “unha parada máis” no camiño dos artistas” e que definiu como “un espazo de liberdade, sen regras porque cantas máis regras haxa, menos cousas se farán”. “Facer acontecer e deixar e acontecer” presúmese como a máxima que inspira as accións deste espazo cultural.
Pires tamén achegou o proxecto de residencia artística Sweet and Tenders Colaboration e a reflexións que 36 artistas verteron sobre o seu traballo logo dunha xuntanza de quince días. O derrubamento de fronteiras, o papel social da arte ou os traballos en comunidade foron algunhas das ideas aportadas.

Internet como ferramenta

Un dos puntos clave do relatorio de Pires foi o uso que os artistas performance fan da rede para o intercambio de ideas, contactos ou libros xa que “é un gran cambio e fai que Portugal estea vendo desaparecer aos seus artistas”. No fondo, é a razón de que Chámalle X abrise o seu programa ao coñecemento doutras realidades, sendo Portugal o primeiro convidado.
Unha visión máis gráfica das propostas portuguesas chegará esta tarde coa perfomance que fará Joao Samoes coa colaboración de Nuno Reblo, Blackout. Seguiralle, a partir das 21.00 horas, José Iges, que coa axuda de Sandra Santana, presentará Colección de abismos.

 

O CGAC, próximo protagonista do ciclo

O mércores será a quenda para que a representante do Centro Galego de Arte Contemporánea, Carme Hermo, presente o ciclo de accións que este museo celebra cada ano no parque de Bonaval. Tamén se dará a coñecer o proxecto Tábula rasa que presentarán María Posa e Fran Álvarez. Ás 13.00 horas está prevista a intervención da artista galega Ana Gesto. Pola tarde, Lourdes Méndez, catedrática de Antropoloxía da Arte da Universidade do País Vasco, ofrecerá un relatorio baixo o título Novas apariencias, vellas desigualdades centrado no campo artístico contemporáneo. O día finalizará coas actuacións de Pepe Murciego, Ad-Hoc e Fernando Aguiar. O xoves rematará o ciclo coa posta en marcha dunha das novas seccións de Chámalle X, Acción en vídeo ou o vídeo da acción, e a exposición da responsable de exposición do MARCO, Agar Lego, sobre as intervencións de performance nesta institución. David Crespo, Nuno Oliveira e Margarida Chambel, Víctor Bonet, Velvet&Crochet e a segunda fase de Faite público.