DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As VIII Xornadas de Arte en Acción teñen como fío condutor o son corporal e a Marrocos como convidad

'Chámalle X' foxe da contaminación acústica da rúa

Inaugurouse cunha 'performance' de Berio Molina na que creou son a partir de liñas debuxadas no corp

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 08/11/2011

Este outono a cidadanía pontevedresa botará de menos as habituais performances das Xornadas de Arte en Acción Chámalle X. Pero non marchan, só se trasladan á Sala X da Facultade de Belas Artes, pois esta oitava edición ten como temática principal os sons que o corpo pode emitir ou fabricar, polo que “non sería apropiado levalas a cabo no espazo urbano, xa que hai moita contaminación sonora”, explicou Carlos Tejo, director das xornadas, de aí que se decantaran por un lugar pechado “para gozar de cheo da expresión sonora dos artistas”. Marrocos foi escollido como convidado ,“amosando o noso interese por aqueles países que non pertencen ao mundo da arte hexemónica ou comercial”, sinalou Tejo.

Esta nova edición de Chámalle X interésase polo son como fío condutor das accións presentadas, “pois non debemos esquecer que se trata dunha ferramenta importante da performance e tiñamos esa débeda pendente”, destacou o director das xornadas. Principalmente, as pezas experimentarán cos sons que produce o corpo humano, “traballando coa voz, basicamente”, pero tamén os emitidos polos instrumentos musicais ou os creados a través de software dixital. A vicerreitora do campus, Antonia Blanco, lembrou que este festival é un dos piares fundamentais da programación cultural de outono da vicerreitoría “ademais de que axuda a proxectar e a visualizar o labor da Facultade de Belas Artes entre a cidadanía pontevedresa”.

Pola súa banda, Fernando Suárez, vicedecano da Facultade de Belas Artes, salientou a función formativa deste tipo de actividades, “converténdose en fundamentais para a educación do noso alumnado, pois se soamente nos quedamos co ensino regrado, a formación do noso alumnado coxearía”. Destacou que a organización destas Xornadas de Arte en Acción esixe a implicación de profesorado e institucións, “creando un canal de conexión co exterior que permite traer á facultade ideas innovadoras, abrir a mente do noso alumnado e sacalos ao exterior integrándoos na cidade”, apuntou Suárez.

Crear sons a partir de liñas rectas

A programación da oitava edición de Chámalle X botou a andar este martes coa performance de Berio Molina coa que afondou na simbiose entre corpo e software. Ex alumno da Facultade de Belas Artes impresionou a todo o público que se congregou na Sala X cunha acción “creada exprofeso para as xornadas”. Grazas a un software de ordenador configurado polo propio artista, este foi quen de crear sons a partir de liñas vermellas que foi debuxando no rostro da súa colaboradora, María Rojo. “O programa informático detecta as liñas deseñadas a través dunha cámara de vídeo e, dependendo do trazo, vai cambiando o son”, explicou Molina. Este proceso de transformación estivo acompañado por refachos intermitentes de luz branca, “o que servía para visualizar o propio son”.

As actividades continuarán o mércores cunha nova actuación dun autor local e inaugurarase o ciclo de intervencións do país convidado, Marrocos, que constará tres performances "coproducidas a medias co festival de Acción MAD Madrid”, aclarou Tejo.

O xoves comezará cunha mesa redonda onde se debaterá sobre distintos aspectos da arte en Marrocos, así como da súa problemática específica, “recuperando a sección reflexiva e teórica dos inicios de Chámalle X”, matizou o director. Logo será a quenda de outra actuación marroquí para deixar paso a dúas intervencións protagonizadas por ex alumnas da Facultade de Belas Artes, Sabela Peinado co Ouveo Interminable e Belén Choren con Palabras-paisaxes a 3000 voces.

Dende os inicios do festival no 2004, un dos seus obxectivos foi mesturar artistas galegos, que aproveitan o evento para darse a coñecer, “con nomes máis representativos do panorama español”, de aí que o venres peche o programa a valenciana Lucía Peiró, que leva traballando no campo da arte en acción dende os anos 80. A súa actuación terá lugar ás 20.00 horas no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Marco, “entidade que leva colaborando con nós dende hai anos”, concluíu o profesor Tejo.