DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As IX Xornadas de Arte en Acción manteñen como fío condutor a temática da pasada edición

'Chámalle X' foxe do ruído da rúa para retomar o estudo da arte sonora

Bota a andar este sábado cunha performance de Andrés Galeano no Museo Marco de Vigo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 15/11/2012

Este sábado arrinca unha nova edición de Chámalle X, as Xornadas de Arte en Acción que leva organizando ininterrompidamente dende 2004 o profesor Carlos Tejo. Chega á súa novena edición cunha programación que mantén a temática do curso anterior, os sons que o corpo humano pode emitir ou fabricar “pois é un campo tan amplo e importante dentro da performance que non se puido abordar nun só ano”, matizou o seu director este xoves na presentación das xornadas, polo que de novo as performances terán lugar en espazos pechados “pois traballar coa arte sonora na rúa faise complicado”. A primeira delas celebrarase este 18 de novembro no Museo Marco de Vigo da man do artista Andrés Galeano, cunha longa traxectoria na arte en acción.

Na presentación Carlos Tejo estivo acompañado pola vicerreitora do campus, Antonia Blanco, que destacou o “longo” percorrido das xornadas e como axudaron a proxectar a imaxe da Universidade de Vigo en Pontevedra. “Nos primeiros anos, a Facultade de Belas Artes e en concreto esta actividade contribuíron a espertar este campus na cidade”, sinalou a vicerreitora, un festival artístico “moi consolidado” tamén comprometido coa igualdade de xénero. “Nesta edición Chámalle X logrou un equilibrio extraordinario con 4 homes e 4 mulleres convidados”, relatou Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade da Universidade, que considera necesario seguir loitando para visibilizar o talento e as iniciativas femininas na arte. “Neste caso falamos de sons producidos polo ser humano e que maior representación que ter exemplos de corpos masculinos e femininos”, engadiu González Penín.

Unha programación en colaboración con outras institucións

Pola súa banda, o decano da Facultade de Belas Artes, Juan Carlos Meana, destacou “a idoneidade” deste formato ao que Chámalle X rende homenaxe, unha actividade artística cuns parámetros espazo-temporais “que se basean no aquí e no agora” e "de tremenda actualidade polos cambios culturais e sociais nos que estamos inmersos”, engadiu. Como en edicións anteriores, esta iniciativa conta co apoio do Museo Marco de Vigo, unha colaboración moi natural segundo o decano “pois a colaboración entre institucións debe ser a saída sobre todo nos momentos de escaseza”, matizou.

Nesta novena edición, Chámalle X presenta un programa de accións artísticas do 17 ao 23 de novembro en horario de tarde no que teñen cabida grandes nomes da performance nacional e artistas noveis “que están comezando a súa andaina profesional e que lles pode servir como axudar para lanzarse no mercado, coincidindo que moitos e moitas son ex alumnado desta facultade”, explicou Carlos Tejo. Así, o sábado 17 de novembro Chámalle X arrinca coa performance Cue&Review de Andrés Galeano no Museo Marco de Vigo, que ofrecerá un espectáculo “moi intimista”.

Para a vindeira semana as accións trasladaranse á Sala X da Facultade de Belas Artes, o martes 20 da man da artista catalá Carme Miñas, “cunha obra vencellada á música contemporánea e experimental na arte en acción”, e de Sonia Tourón, ex alumna do centro e que presentará un traballo moi ligado á problemática de xénero. O mércores 21 será a quenda de Pere Sousa que ofrecerá un concerto fonético inspirado na arte vangardista de comezos do século XX, e de María Roja cunha peza titulada Pó é pó é pó. O xoves pecharán o ciclo de performances Bartolomé Ferrando e Avelino Saavedra coa acción A partir de un gruñido de letra, e Montserrat Palacios e Llorenç Barber, artistas de longa traxectoria que ofrecerán “un concerto sonoro moi persoal”, ademais de presentar o seu libro La mosca tras la oreja: de la música experimental al arte sonoro en España o venres 23 no Museo Marco, pondo punto e final a esta nova edición de Chámalle X.