DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“Chámalle X” pon a proba o sentido do humor dos viandantes pontevedreses

Pechan as xornadas a artista británica Denys Blacker e a turco-alemá Nezaket Ekici

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
E.L. Castro DUVI 12/11/2009

A praza da Peregrina acolle este xoves as últimas intervencións da VI Xornadas de Arte de Acción Chámalle X. Desde as 11.00 horas da mañá ata as 20.30 da tarde diferentes artistas poñen a proba o sentido do humor dos viandantes pontevedreses. A miúdo desconcertados ante a sorpresa de atopar unha performance no seu camiño, o público enfróntase a un elemento engadido, pois o fío condutor do festival este ano é precisamente o humor. Os encargados de abrir a terceira xornada do Chámalle X foron Lucía García Rey e Christian Bello coa súa peza Homenaxe a reprodución. Ao final da mañá interviñeron Álvaro Terrones e Santiago López, que presentaron o seu Partido Español Inservible. Esta tarde pechan o festival Denys Blacker, con Soka Tira, e Nezaket Ekeci, con Hullabelly. A organización está satisfeita co bo funcionamento da sexta edición das xornadas, que saen integramente á rúa por primeira vez. Conseguiron aumentar deste xeito o número de espectadores e gozar da frescura do público espontáneo da praza con máis tránsito da cidade.

Aplausos para Goya e viño

Dúas cadeiras no medio da praza, dúas persoas e un libro sobre Goya. Eses son os elementos da performance Homenaxe a reprodución dos galegos Lucía García e Christian García. Subida a unha cadeira, Lucía ía pasando as páxinas do libro mentres que o seu compañeiro brindaba con aplausos as reproducións das obras do artista considerado o pai da pintura contemporánea. Houbo persoas entre o público que secundaron os aplausos.
A última hora da mañá, os valencianos Álvaro Terrones e Santiago López presentaron o PEI (Partido Español Inservible), unha visión irónica da arte a través da linguaxe da política. Coa mesa servida no medio da praza realizaron accións inconexas como comer un prato de uvas ou manter dez copas de viño nunha bandexa ao mesmo tempo que corrían. Todo isto sen un obxectivo evidente de acordo coas siglas do PEI e os principios que sinalan no seu propio blog: “non nos interesa xustificar a razón (...). Cando non hai nada que se verifica, aparece a sensación do absurdo. Amamos esa sensación”. O seu lema é “os outros partidos ofrecen todo, nós ofrecémosche nada”. Con isto queren dicir que non producen ningún obxecto “físico, lonxevo, rendible ou duradeiro”, susceptible de convertese en capital, ao que que engaden: “o noso programa demostra que ese capital obxectual é perfectamente reducible a presentarse como capital mental”.

A representación alemá na sección País convidado

Johannes Deimling, un dos artistas alemáns convidados, realizou onte a súa performance Don’t hurt me. Paseou pola rúa coas mans e a cara cubertas de tiritas baixo un paraugas, ao que finalmente lle prendeu lume ante os estupor dos transeúntes. O creador salientou a idoneidade da praza para desenvolver o seu traballo e a boa resposta do público. “Aquí a xente pregunta que pasa, achégase e amosa moito interese, iso non pasa en Berlín, pois preséncianse ás accións con maior indiferenza”, sinalou Deimling, ao tempo que lembrou como se lle achegou un señor e lle botou un longo discurso do que só puido entender “viva Galicia”.
Xa o martes, Setefanie Trojan alterou o ambiente da Peregrina cunha acción consistente en meter caramelos nos petos da xente sen que se decatasen. A marea de fotógrafos que perseguían á artista despistou aos viandantes que pensaban que se trataba dunha cámara oculta. Así e todo, houbo quen interpretou a aproximación de Trojan como un intento de roubo e mesmo ameazou con chamar á policía. Esta peza insírese no grupo de traballos que xogan cos códigos de conduta preestablecidos para interactuar co público e provocar reaccións nel.
A sección de País convidado péchase esta tarde ás 20.30 horas na Sala X coa artista turco-alemá Nezaket Ekici. Realizará a súa peza Hullabelly, que se poderá ver tamén mañá no panóptico do Marco de Vigo. Esta creadora traballa habitualmente cos elementos da identidade cultural do seu país de orixe, establecendo comparativas co seu país de acollida, Alemaña, e analizando cuestións de pertenza, pois séntese estranxeira en ambos os dous lugares.

Presentación doutros festivais nas actividades paralelas ás accións

Este ano na sección de conferencias das xornadas cobraron peso as presentación doutras convocatorias que traballan a prol da exhibición da performance en España. Onte Denys Blacker falou do FEM, o Encontro Internacional de Arte de Acción de Mulleres, desenvolvido pola asociación cultural Gresol en Girona coincidindo co 8 de marzo, o Día Internacional da Muller. Este ano celebrou a súa sexta edición consolidándose como o único festival destas características en todo o Estado e cun historial polo que pasaron artistas españolas, irlandesas, canadenses, indias, iraquís, holandesas ou mexicanas.
Blacker quixo remarcar que, malia centrarse no traballo de mulleres artistas, o FEM non “busca conscientemente un contido feminista ou político no traballo das asistentes, nin ten o desexo de aumentar a diferenza con respecto aos homes”. E engadiu ue “o noso obxectivo é celebrar o que temos como unha festa de amigas”. Por outra banda, destacou a importancia da colaboración das universidades na programación deste tipo de eventos, como no seu caso a que teñen coa Cátedra de Arte e Cultura Contemporáneas da Universidade de Girona. Entre os seus principais obxectivos neste momento está o de xestionar un espazo para a elaboración dun arquivo de arte de acción, “algo inexistente en España e moi necesario”, recalcou.
Denys Blacker amosará tamén o seu propio traballo artístico no Chámalle X esta tarde. Ás 18.00 horas executa a peza Soka Tira. Como peche da sección de conferencias, ás 19.00 horas Lola Correa presentará a vindeira edición do Alt (Festival de Artes Alternativas de Vigo) na Sala X.