DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os servizos mínimos están establecidos por decreto para garantir os dereitos esenciais

Chamamentos sindicais e de organizacións estudantís á participación na folga do 29-S

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 28/09/2010

Na véspera da celebración da xornada de folga xeral convocada polos sindicatos para este mércores 29 de setembro, os representantes sindicais do persoal funcionario de administración e servizos e do Comité de Empresa dos campus de Pontevedra e Ourense, así como a organización estudantil Comités Vigo, reitera os seus chamamentos á participación da comunidade universitaria no paro e nas manifestacións convocadas para este mércores.
Unha folga para a que en cumprimento do Decreto 151/2010 de 23 de setembro que establece os servizos mínimos necesarios, a Universidade de Vigo ten notificado nos tres campus a cada traballador e traballadora a súa designación para os mesmos. Así prestarán servizo este mércores un ou unha funcionaria en cada un dos rexistros existentes nos tres campus; a secretaria do reitor ou auxiliar administrativo; un ou unha auxiliar de servizos por cada quenda en cada un dos campus e as secretarias das vicerreitoras responsables dos campus de Ourense e Pontevedra. Así mesmo establécese unha persoa por biblioteca e quenda de traballo, no caso daqueles que conten cun horario extraordinario de apertura.

Expectativas de participación: entre o optimismo e a prudencia

Entre un 80 ou 90 e nun 100% no caso do PAS cifra o presidente da Xunta de Persoal Funcionario de administración e servizos, Xan Cebro, a participación que a folga podería acadar na Universidade de Vigo. “Tomando como referencia a folga xeral do 2002”, sinala Cebro, “penso que a participación vai ser moi alta, un feito ao que ademais vai contribuír no caso do PAS que este mércores non haxa autobuses aos campus”.
Pola súa banda o presidente do Comité de Empresa de Pontevedra, Marcos Estévez, amósase máis prudente á hora de manifestar as súas expectativas sobre o seguimento que a folga terá na Universidade. “Penso que a incidencia será importante”, sinala Estévez, “pero hai que ser prudentes se temos en conta a campaña que en contra do paro se vén desenvolvendo”.
No que ambos representantes sindicais dos traballadores e traballadoras da Universidade de Vigo coinciden é á hora de xustificar a participación no paro deste mércores. “Aínda que somos funcionarios e xa percibimos os efectos das medidas que se adoptaron hai uns meses”, explica Cebro, “o funcionariado ten que ser solidario con outros empregados que non son públicos, pero sobre todo co alumnado que máis está a sufrir e sufrirá os efectos desta situación”.
Para Marcos Estévez, “o decreto aféctanos a todos e todas por que tumba moitos aspectos da protección social que foran acadados”. Estévez cre ademais que “aínda que os traballadores e traballadoras da administración xa fomos afectados, seremos o seguinte obxectivo”.

Estudantes hoxe SI. Precarios mañá NON

Baixo este lema a organización estudantil Comités chama ao alumnado a participar na xornada de folga do 29 de setembro. “ Os Comités non podemos ficar alleos á reforma laboral aprobada polo Goberno do Estado”, explica Iago Varela, responsable dos Comités no campus de Vigo, que denuncia que “a nova reforma no vai no camiño de atallar os problemas da mocidade como o desemprego, a temporalidade, os salarios ou a formación”.
Como exemplo dese “ataque frontal contra o estudantado”que consideran é a reforma laboral, Varela cita por unha banda a ampliación das subvencións para a contratación en prácticas dos 21 aos 24 anos eximindo ás empresas das cotizacións á Seguridade Social ou a legalización das axencias de colocación con ánimo de lucro, “mentres se deixan esmorecer os servizos públicos de emprego”, denuncia Varela.
Nas xornadas previas á celebración da folga, os Comités colocaron carteis e repartiron dípticos nos centros para informar ao alumnado das consecuencias da reforma e para animalos a participar na folga e nas manifestacións convocadas para este mércores.

Control de asistencia para PAS e PDI

Cara á xornada de mañá a Xerencia da Universidade de Vigo lembra que de acordo co previsto no Real Decreto Ley 17/ 1977 de 4 de marzo e tamén nos artigos 30 e 95.2 m) do Estatuto Básico do Empregado Público, durante o día de paro deberá facerse un control de asistencia para o que os traballadores e traballadoras que presten servizo este mércores deberán asinar na folla de asistencia de PAS ou PDI, segundo sexa o caso.
Estas follas estarán a disposición dos traballadores e traballadoras no mostrador das conserxerías dos centros a partir das 8 da mañá. No caso de que os centros estean pechados e sexa imposible acceder a eles, os e as empregadas deberán acudir ao rexistro do campus que permanecerá aberto segundo se determina no decreto que fixa os servizos mínimos.