DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra reúne o traballo de oito artistas procedentes da Facultade de Belas Artes

Chegan a Braga as “Novas da negra sombra”

Pode visitarse no Museo Nogueira da Silva da Universidade do Minho ata o 10 de decembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
E.L. Castro DUVI 18/11/2009

O terceiro proxecto expositivo anual e itinerante que reúne o traballo de artistas procedentes da Facultade de Belas Artes recala en Braga. Novas da negra sombra dá a coñecer no Museo Nogueira da Silva da Universidade do Minho as creacións últimas de oito novísimos artistas galegos. Inaugurada esta fin de semana, a mostra permanecerá aberta ata o 30 de decembro. Nela Alba Fandiño, María Covadonga Barreiro, Samuel Castro, Ana Seoane, Fabián Piñeiro, Inés Casarejos, Pilas e A ama de casa pervertida (grupo artístico integrado por Cris Carballo e Pablo Huertas) preséntanse como “morriñentos astistas galegos”, pois o proxecto que os une xira arredor do coñecido poema de Rosalía de Castro, icona do sentir galego. Mostran deste xeito tanto obras alusivas ao asunto poético que os agrupa como pezas do seu propio acervo plástico. Paro os oito artistas esta iniciativa supón, nas verbas do seu comisario, Xosé Manuel Buxán Bran, “a posibilidade de iniciar o seu percorrido no circuíto artístico profesional”.
Os oito creadores e creadoras fan referencia, por unha banda, a cuestións da cultura galega e a galeguidade, temas aos que, segundo Buxán Bran, “xa tiñan feito referencia proxectos anteriores deste programa de intercambio, sobre todo encadrando xeográfica e culturalmente aos artistas participantes nun tronco común”. Por outra banda, amosan a gran diversidade de propostas que se xera no micro-universo artístico galego, unha heteroxeneidade trasladable ao ámbito xeral da arte contemporánea. “As diferentes formas de posicionamento artístico, as funcións variadas das obras de arte, a pluralidade de motivacións e a riqueza de técnicas e linguaxes”, xustifican esta representatividade segundo a coordinadora da iniciativa, Mar Caldas.
Na elaboración dos seus proxectos estes artistas empregan distintas disciplinas como o deseño, a pintura, a instalación ou a fotografía; redefinen xéneros como o retrato, a paisaxe e a natureza morta; e retoman procesos materiais e actitudes herdados do pop art, da arte conceptual ou da arte povera. Todo isto mesturado cunha actitude inqueda e desinhibida, aberta a outras esferas culturais: o kitch, o graffiti, a banda deseñada, o cinema, o rock, a literatura xuvenil e múltiples pegadas das subculturas urbanas relativas ao ocio, á ilegalidade ou ás identidades de grupos.

Aposta polas creacións inéditas das novas xeracións da arte galega

O obxectivo deste proxecto é dar a coñecer a obra inédita e recente dos novos creadores galegos dende a súa diversidade temática e técnica. Conta co patrocinio da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e encádrase na colaboración que a Facultade de Belas Artes vén desenvolvendo dende hai algúns anos con diferentes institucións españolas e portuguesas. Novas da negra sombra toma deste xeito o relevo aos dous proxectos anteriores, Oito_artistas.gal e Lancôme con grelos, que viaxaron por cidades como Madrid, León, Girona ou Porto. A exposición que hoxe se pode ver en Braga presentouse previamente no Centro de Arte Joven de Madrid e nos vindeiros meses visitará, ademais da propia Sala X, outros espazos expositivos da península. Tamén como resultado deste intercambio a comezos de 2010 poderase ver en Pontevedra o proxecto Circuítos da Comunidade de Madrid, unha mostra que recolle a produción última dos novos valores madrileños.