DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O país sudamericano é unha das potencias mundiais neste eido

Chile bota man da experiencia de enxeñeiros pontevedreses para potenciar o seu sector forestal

É un destino de interese polo seu bo nivel industrial e polas semellanzas climáticas con Galicia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 09/02/2012

Nestes momentos Chile conta cunha industria forestal moi avanzada que medra a pasos axigantados. Agora ben, este crecemento non conta co apoio dunha masa crítica do país especializada neste eido, carecendo de investigadores e expertos que contribúan a consolidar este crecemento. Ante esta realidade, a EE Forestal do campus de Pontevedra convértese nun candidato ideal para establecer unha colaboración estable e de maior envergadura que poña ao servizo da industria chilena a experiencia dos enxeñeiros forestais pontevedreses. Nesta liña, a escola xa deu os seus primeiros pasos ao recibir recentemente a visita de Janina Gysling Caselle, coordinadora do Gabinete Estatístico Forestal do goberno chileno, que acudiu ao centro para recibir asesoramento e información sobre o sector do serrado en España.

Industria potente e mesmas especies

A escola identifica a Chile como un lugar idóneo para establecer colaboracións e contactos que enriquezan a formación do alumnado tanto pontevedrés como chileno. Para Picos, Chile supón un destino atractivo pois, a diferenza do caso español, o goberno chileno si aposta claramente polo seu sector forestal con fortes investimentos que potencian o seu desenvolvemento tecnolóxico e económico. Hai que ter en conta que o 45% do territorio chileno é forestal “e o crecemento do sector xoga un rol fundamental na economía do país, participando no PIB cunha porcentaxe importante”, apunta o profesor. Isto é debido a que ten unha industria forestal en crecemento e poderosa, formada por importantes empresas de serrado, de taboleiros e celulosas que “que son quen de competir con éxito nos mercados internacionais”.

Por outra banda, as condicións ambientais de Chile convérteno nun lugar de destino preferente para os enxeñeiros forestais galegos. Dada a súa grande extensión de norte a sur, Chile é o país do mundo con maior diversidade climática, “dende condicións polares ata o tropicais”, cunha solución forestal distinta para cada ambiente. “No caso chileno tamén existen climas que son perfectamente homologables ao galego polo que é posible traballar coas mesmas especies forestais a pesar da distancia”, aclara Picos. O pinus radiata, o eucalyptus globulus, algunhas plantacións do monte nativo e as repoboacións “son masas que teñen en común tanto Galicia como Chile”.

Dose de experiencia

O despegue do sector forestal chileno é relativemente recente polo que non existe a tradición científica e investigadora de outros lugares, como Pontevedra. “Eles están comezando de cero e nós, como estudosos do mundo forestal, temos moito percorrido, de aí que poidamos colaborar coa nosa experiencia e madurez neste eido”, sinala Picos. Así, o país chileno acostuma pedir axuda de formadores españois que favorezan a consolidación deste sector emerxente.

Esta relación bilateral xa vai dando os seus primeiros pasos, pois estudantes da Universidad de Concepción de Chile xa fixeron estancias na Universidade de Vigo “e investigadores nosos participan en proxectos dependentes de institucións chilenas”, explica o profesor. Janina Gysling viu en representación da universidade chilena para trasladar a intención da súa institución de estreitar os lazos co centro pontevedrés “dada a súa calidade e tradición investigadora neste eido”. Tanto é así que a propia Gysling, que está a desenvolver a súa tese de doutoramento sobre o negocio do serrado en Chile e España, foi remitida concretamente á Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra para que lle explicaran a situación do sector forestal en España. “Non hai que esquecer que Galicia representa case o 60% de toda a madeira serrada do país polo que estamos capacitados para dar unha descrición real”, apunta Picos.

Ademais de Chile, a EE Forestal marca unha política de internacionalización ambiciosa iniciando novos contactos con países cunha alta potencialidade forestal, como Brasil e Uruguay. No referido á mobilidade “o centro achega unha oferta moi selectiva ao seu alumnado de tal xeito que se algún quere marchar, ten a garantía de facelo a un lugar con prestixio forestal”, como Alemaña, Austria, Finlandia, República Checa ou Portugal.