DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras a sinatura dun convenio entre a Universidade e unha asociación internacional

De China á India, 26 universidades asiáticas abren as súas portas ao alumnado das enxeñarías

Os interesados en participar poderán presentar solicitudes ata o vindeiro 19 de outubro

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 11/10/2012
De China á India, de Xapón a Tailandia, de Arxentina a Chile… así ata completar un abano de 19 países e 36 universidades espalladas por Asia e América Latina. A Universidade de Vigo ven de adherirse a un innovador programa de intercambio que pon ao dispor do alumnado das futuras enxeñeiras e enxeñeiros a posibilidade de cursar parte dos seus estudos en destinos tan pouco tradicionais como Indonesia, Hong Kong ou Singapur.

A participación de Vigo neste programa de intercambio chega tras a sinatura dun convenio de colaboración entre a Universidade viguesa e o GE4 –Global Education for European Engineers and Entrepreneurs-, unha asociación que ten como obxectivo promover os intercambios de excelencia de estudantes e docentes no ámbito da enxeñaría.

Os intercambios efectuaranse en réxime de reprocidade coas distintas universidades que forman a rede GE4, 24 en diferentes países do continente asiático e 12 en Arxentina, Brasil e China. Co prazo de presentación de solicitudes aberto ata o vindeiro día 19, nesta ocasión convócanse catro prazas para o segundo cuadrimestre e a Universidade recibirá ao mesmo tempo un grupo de estudantes das universidades do GE4 que cursarán parte dos seus estudos nalgunhas das catro escolas de enxeñaría da Universidade de Vigo: Forestal, Industrial, Informática, Minas e Telecomunicación.

Puntos extra por idiomas

Para participar no programa os únicos requisitos son estar matriculado nos segundos ciclos dalgunha das titulacións de enxeñaría e, no caso de elixir un destino asiático, acreditar coñecementos da lingua inglesa mediante certificado oficial. Despois, a comisión de avaliación procederá a valorar as candidaturas tomando como base a media do expediente académico, os coñecementos de inglés e doutros idiomas relacionados coas universidades de destino e estar matriculado en materias de último curso da titulación.

A coordinadora na Universidade de Vigo para as escolas de enxeñaría, Elena Martín, e a coordinadora técnica para o GE4 na Universidade, Eva Garea, técnica superior da Oficina de Relacións Internacionais, encargaranse de garantir a representación equitativa de todas as escolas de enxeñaría no programa, tanto para a recepción do alumnado estranxeiro como para o envío do estudantado da Universidade de Vigo.

As persoas interesadas en participar no programa poden atopar a convocatoria, listaxe de universidades en Asia e América Latina que participan no programa e impreso de solicitude na web da Oficina de Relacións Internacionais.