DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Biblioteca Rosalía de Castro realizou este mércores un simulacro de incendio

A chispa saltou na hemeroteca

Coa participación dos equipos de emerxencia da cidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 06/11/2013

Eran arredor das doce da mañá e, como cada día, eran moitos os alumnas e alumnas que estaban este mércores estudando na Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense. A esa hora, de súpeto, o seu silencio foi interrompido polo son dunha alarma. Na súa hemeroteca prendera lume e, ante a imposibilidade de apagalo coa mangueira dispoñible, a directora do centro chamou aos servizos de emerxencias mentres o persoal da Biblioteca procedeu a evacuar ás persoas que se atopaban no edificio. Con sorpresa e sen saber moi ben o que acontecía, os estudantes deixaron os seus apuntes e saíron fóra. Esta escena podía ser real, e así o parecía, pero non o foi. Era o simulacro dun incendio que se realizou co obxectivo de mellorar o plan de autoprotección do centro en caso de emerxencia.

Despois de realizar en outubro un simulacro no Pavillón de Deportes e seguindo coa comprobación dos plans de emerxencia de cada edificio do campus, esta semana chegou a quenda da Biblioteca universitaria, que ten a particularidade de ser un centro que chega a concentrar a moita xente ao mesmo tempo en practicamente unha única sala. Foi precisamente na evacuación ordenada de toda esta xente onde tiveron que traballar o persoal da Universidade ata concentralos no exterior da Biblioteca.

Sen ningún tipo de incidente, e sen saber que se trataba dunha evacuación, os estudantes foron abandonando os seus postos e presenciaron desde o exterior como chegaban os equipos de bombeiros, a policía local e unha ambulancia para atender ás dúas ficticias feridas no incendio, unha por asfixia e outra por contusións. A eles uníronse numerosos curiosos que, ao descoñecer que se trataba dunha proba, permanecían expectantes para saber que era o que acontecía no centro. Remata da evacuación e o suposto incendio, a normalidade volveu ao centro e os estudantes puideron pórse de novo a estudar e a ler, mentres os participantes no simulacro facían balance.

Valoración moi positiva

“Todo se desenvolveu moi ben. O persoal da Biblioteca realizou ben o seu traballo e a resposta dos servizos de emerxencias tamén foi moi boa”, destacou María José Montero, do Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Universidade de Vigo. Este tipo de probas, salientou, cumpren unha función moi importante pois permiten e levar á práctica os plans de autoprotección, neste caso o da Biblioteca, para ver os seus defectos e cousas a mellorar e ir corrixíndoos para unha maior seguridade. “Ademais, estes simulacros dános a oportunidade de intercambiar sobre o terreo opinións cos profesionais de emerxencias, que nos fan achegas sempre moi útiles”, engadiu María José Montero.