DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Capitán Maravilla Productions pecha os espectáculos de rúa

Entre chistes e chimpos formouse o xogo

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Jessica Fdez. DUVI 10/05/2011

Humor, acrobacias e malabares encheron o exterior da Cidade Universitaria de Vigo, que foi testemuña este mediodía das habilidades que o grupo Capitán Maravilla trouxo ata o campus para deleitar ao público co seu espectáculo Mono A Mono B con David Morales e Víctor Ortiz, poñendo punto e final á programación dos teatro de rúa de primavera organizados por Extensión Universitaria. Unha fusión entre espectáculo e película, na que o público só podía ver “pero non aplaudir ata o final, cando soase a palabra clave”. O resultado foi bo: tras o “equinocio”, un escachar de aplausos.

Todo comezou coma un día normal no centro comercial, entre os diferentes olores a comida das cafeterías, os mozos e mozas intentando escoller menú e a parola na terraza da praza aproveitando o sol antes de comezar. De repente a atención dos alí presentes centrouse nos monos que saíron do seu ‘Mini’ cos seus sketch persoais e cunha cantidade suficiente de trebellos para facer que durante un bo anaco o público esquecese as súas obrigas, sobre todo o alumnado que descansaba tras moitas horas de estudo para preparar os exames que están á volta da esquina. Así, os menús tradicionais pasaron a un segundo plano e o público encheu o bandullo co espectáculo dos dous novos profesionais, que mostraron un talento desbordante e deixaron a máis dun coa boca aberta.

Dous anos de tour

Capitán Maravilla Productions é unha compañía teatral con espectáculos concertados tanto a nivel nacional coma internacional. Esta compañía xurdiu da unión entre Víctor Ortiz e David Morales, que xa conta cunha grande cantidade de premios no seu haber, entre os que destaca o II Premio do Público no Festival Internacional de Teatro de Rúa de Valladolid ou o I Premio do Concurso de Artistas de Rúa das Festas da Mercé. Ambos iniciaron esta colaboración precisamente co espectáculo Mono A Mono B en 2009, un espectáculo indescritible con dous monos delirantes como protagonistas.