DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada polos alumnos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

Unha chocolatada solidaria para construír un mundo máis xusto

Os fondos obtidos doaranse á ONG Enxeñería sen Fronteiras

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Jessica Fdez. DUVI 14/12/2011

Construír unha sociedade máis xusta, solidaria e igualitaria centrada no coidado do medio ambiente e na potenciación e respecto da dignidade de todas as persoas é unha tarefa que atinxe a todos. Para cambiar o rumbo é necesario o esforzo colectivo, pero destacan especialmente as accións individuais para que non só cambie a sociedade, senón as persoas que a conforman. Por este motivo, os estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación queren achegar o seu gran de area a través dunha chocolatada solidaria, organizada este mércores e cuxos beneficios serán doados a ONG Enxeñería sen Fronteiras.

A pesar de ser a primeira vez que organizan un acto de estas características, os organizadores apuntan que “a cousa vai ben. Non temos moitas expectativas xa que non sabemos o resultado final polo de agora, pero a xente está acollendo moi ben a iniciativa”. Por o módico prezo de 1.5 euros os que se achegaron ao posto recibiron un vaso de chocholate e un anaco de algún dos doces que eles mesmos cociñaron, co fin de reducir gastos e poder doar a maior cantidade posible a Enxeñería sen Fronteiras, unha ONG que “actúa en campos relacionados cos nosos estudos e que permite, por medio das súas actividades, coñecer unha cara diferente da enxeñaría”, indican.

Enxeñería sen Fronteiras, a ONG seleccionada

Enxeñaría sen Fronteiras é unha ONG a nivel internacional que centra as súas actuacións no fomento da cooperación para o desenvolvemento dunha sociedade máis xusta. A súa misión está centrada na promoción da tecnoloxía, da educación e da investigación como motores de desenvolvemento humano a través de axentes locais, da cooperación exterior e do asociacionismo, de forma aconfesional e non partidista. Por este motivo e co fin de converterse en colaboradores de Enxeñaría sen fronteiras, os participantes nesta chocolatada doarán, de forma íntegra, todos os beneficios obtidos con esta actividade que, á vez, lles permite achegarse dun xeito diferente ao seu campo de estudo.