DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Grupo Ephyslab analiza as fontes oceánicas que nutren as precipitacións de cada rexión

A choiva, con código de barras oceánico

Un artigo seu é portada da revista 'Eos' da American Geophysical Union

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 14/06/2011
Aínda que a choiva cae do ceo non ten unha orixe divina. Fórmase fundamentalmente grazas á humidade procedente dos océanos e á inestabilidade atmosférica. Esta auga evaporada dos mares repártese de xeito desigual polo planeta e cada rexión “bebe” de diferentes fontes oceánicas que condicionan o seu clima e nutren as súas precipitacións. O grupo Ephyslab da Universidade de Vigo, punteiro neste eido, vén de publicar na revista semanal Eos, da American Geophysical Union, a maior sociedade de xeociencias, un artigo no que afonda nas fontes oceánicas que nutren cada zona. No caso de España, as gotas de choiva levan no seu código de barras moito da zona subtropical do Atlántico norte e do Mediterráneo.

O artigo, destacado en portada e titulado A close look at oceanic sources of continental precipitation, foi publicado o 7 de xuño no número 23 da revista Eos e está asinado polos investigadores Luis Gimeno, Raquel Nieto, Anita Drumond e Ana María Durán da Universidade de Vigo; Andreas Stohl, do Norwegian Institute for Air Research; Harold Sodemann, do Institute for Atmosphere and Climate de Suíza, e Ricardo M. Trigo, do Instituto Dom Luiz de Lisboa.

Segundo explica o catedrático Luis Gimeno, os artigos destacados de Eos, como é este caso, son textos encargados especialmente pola revista a grupos de investigación punteiros en cada eido para amosar as direccións máis relevantes en xeofísica e para explicar as tendencias nas diferentes liñas de investigación. “Nesta ocasión fomos nós os elixidos e para nós é un motivo de gran satisfacción porque é a primeira vez que se pon sobre o papel de onde vén a humidade das precipitacións das diferentes rexións”, salienta Gimeno.

O cambio climático

O traballo ofrece unha panorámica das fontes oceánicas das precipitacións nos continentes, partindo do dato de que o 90% da auga evaporada dos océanos se precipita de novo a eles e o 10% restante se transporta aos continentes e desempeña un papel moi importante no ciclo hidrolóxico. Para coñecer como se move ese 10%, fundamental para a vida, os investigadores da Universidade de Vigo desenvolveron un modelo tridimensional que lles permite estudar a evolución de 1,5 millóns de partículas, cada 6 horas e durante os últimos 20 anos, nas cuadrículas de 1º de latitude por outro de lonxitude en que teñen dividido o planeta para esta análise.

Froito desta diagnose atoparon, explica Gimeno, que “o subministro de auga aos continentes das fontes oceánicas principais é moi desigual”. Deste xeito, salienta, hai rexións que reciben humidade de moitas fontes diferentes, como é a India, e outras só dunha ou dúas fontes, como é o caso de España, que recibe a súa humidade fundamentalmente da zona subtropical do Atlántico norte e do Mediterráneo.

Neste contexto, e aínda que os seus estudos non teñen carácter predictivo, os autores do artigo advirten de que as zonas continentais que se basean en só unha ou dúas fontes de orixe da humidade poderían estar máis expostas aos cambios no ciclo hidrolóxico provocados polos cambios climáticos que as rexións que reciben a humidade de fontes múltiples.