DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CC da Educación e do Deporte e o Club Rías Baixas organizan unha xornada sobre a saúde dos corredore

O ciclismo busca asesoramento científico na Universidade

A directora da Axencia Estatal Antidopaxe afondará nas consecuencias desta problemática

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 13/09/2012

Un dos grandes atrancos do ciclismo é a súa “baixa cultura científica”, cuestión que se pretende contrarrestar buscando o apoio e asesoramento das universidades. A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus, tras impulsar un convenio de colaboración coa Real Federación Española de Ciclismo, está plenamente comprometida con este deporte polo que para este mes de outubro organiza, xunto co CC Rías Baixas, a I Xornada científico técnica de ciclismo, centrada no rendemento e saúde dos corredores. O obxectivo deste encontro é presentar dende un punto de vista rigoroso e científico "os problemas que xorden na saúde dos ciclistas cando teñen que dar o máximo rendemento durante moitos anos de vida deportiva”, explica o profesor Óscar García, presidente do comité organizador.

Aínda que o campus pontevedrés xa acollera no pasado curso diversos eventos que tiveron como protagonista o ciclismo, todos centráranse en aspectos técnicos, mentres que nesta ocasión o rendemento e a saúde serán o obxecto de análise. Esta dimensión científica achegada dende a Universidade de Vigo “abre un novo espazo para a investigación no mundo do ciclismo para afondar en temas específicos e mellorar o deporte en xeral”, comenta Veljka Ruzicka, profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade, membro do Club Ciclista Rías Baixas e do comité organizador do encontro. Deste xeito, a facultade eleva o seu compromiso con este deporte ao organizar de forma periódica xornadas destas características “xa que ademais hai que ter en conta que o ciclismo non está incluído dentro do plan de estudos da titulación de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, a pesar da súa gran repercusión social”, matiza o profesor do centro pontevedrés.

A dopaxe como tema de debate

Tres conferencias maxistrais e unha mesa redonda conforman o programa desta xornada científico técnica. Tras a inauguración oficial, Juan Manuel Rodríguez Bastida, médico que ten estado ao servizo de varios equipos ciclistas profesionais, afondará no mantemento da saúde dos corredores, mentres que José Luis Algarra, técnico da Real Federación Española de Ciclismo, tratará a preparación dos ciclistas que participaron nos Xogos Olímpicos de Londres. O ciclo de conferencias pecharao Ana Muñoz Merino, directora da Axencia Estatal Antidopaxe, “unha das persoas máis autorizadas para abordar este tema tan sensible”, sinala o profesor García. En horario de tarde e como clausura das xornadas terá lugar unha mesa redonda baixo o título O ciclismo como espectáculo deportivo, cal é o límite?, na que intervirán, ademais de todos os conferenciantes, o ex ciclista profesional Óscar Pereiro e Guillermo Rodríguez, licenciado en educación física e director deportivo de nivel III.

A asistencia a este curso é totalmente gratuíta, pero ao haber prazas limitadas a 100, os interesados en participar deberán inscribirse mandando un correo electrónico á dirección jorgeviano@uvigo.es. Ao remate das xornadas recibirán un certificado de asistencia.

Estreita colaboración co CC Rías Baixas

O CC Rías Baixas coorganiza xunto co centro pontevedrés este encontro especializado, converténdose no primeiro club ciclista en asinar un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo. “Moitos membros do equipo somos persoal desta institución polo que nos propuxemos divulgalo e promocionalo dentro da comunidade universitaria”, comenta a profesora Veljka Ruzicka. O certo é que esta colaboración xa está dando os seus froitos pois alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte que asistira no pasado mes de xuño a un curso especialista sobre ciclismo, está realizando as súas prácticas no club, “co obxectivo de conseguir o certificado oficial que os acredite como directores deportivos de nivel II”, engade Ruzicka.