DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte organizou a primeira xornada científico técnica sobre esta discip

Por un ciclismo libre de sospeitas

O xerente da RFGC defendeu a necesidade de implantar medidas preventivas en idades temperás

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijóo DUVI 05/10/2012

“Os casos de dopaxe son a gran lacra do ciclismo hoxe en día, desencadeando no seu afundimento que se tenta combater con pasos adiante, como este encontro”.Con esta reflexión de Ricardo Terceiro, xerente da Real Federación Galega de Ciclismo, inaugurouse a primeira xornada científico técnica sobre este deporte, organizada pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da man do profesor Óscar García co apoio do club Rías Baixas, para debater dende un punto de vista científico sobre o rendemento deportivo e os problemas de saúde dos corredores profesionais.

Acompañado pola decana da facultade, Francisca Fariña, e polo presidente do club, José Luis Chamorro, Terceiro sinalou que a recuperación do ciclismo pasa pola educación e concienciación nas idades temperás. “Neste deporte hai que substituír o lema de ‘tolerancia cero’ polo de ‘educación máis un’”, salientou o xerente da RFGC para remarcar a necesidade de impulsar actuacións preventivas máis que de control. “Nas categorías infantís deberíase empezar cunha formación psicolóxica ademais da técnica, ensinándolles a practicar un ciclismo san e concienciándoos dende pequenos que o deporte vai máis aló dun posto nunha clasificación”, declarou Terceiro que atopou o apoio da decana que, como psicóloga de profesión, defendeu a educación como vía de futuro. “Se se alimentan os nenos e nenas na competitividade non se poderán obter grandes ciclistas”, concluíu Fariña.

Saúde "inmellorable"

Estas xornadas científicas entraron en materia coa conferencia de Juan Manuel Bastida, médico que estivo ao servizo de varios equipos ciclistas profesionais. Compartiu cos máis de 100 asistentes os mecanismos existentes para o control da saúde do corredor, ben mediante seguimentos planificados polo propio equipo, ben por esixencias da Unión Internacional de Ciclismo, UCI. Bastida fixo alusión ao “continuo goteo” de noticias sobre dopaxe, “semella que os ciclistas quérense asasinar a eles mesmos e ao propio deporte”, apuntou. Non obstante, este médico profesional cualificou a saúde dos ciclistas como “inmellorable” dada a súa estrita alimentación e “ao estilo de vida que soen ter”.

Ademais de José Luis Algarra, membro da Real Federación Española de Ciclismo, que afondou en aspectos máis técnicos e tácticos ao describir a preparación deseñada para os Xogos Olímpicos de Londres, tamén interveu María del Carmen Valverde, responsable dos servizos xurídicos da Axencia Estatal Antidopaxe, AEA. Puxo ao público ao día da inminente reforma da lexislación en materia de prevención da saúde e dopaxe e da posible creación dun único órgano administrativo que aglutine a todos os existentes, substituíndo o actual sistema triangular formado pola Comisión de Control e Seguimento da Saúde e Dopaxe, polas federacións e pola AEA, encargada preferentemente de labores de prevención, formación e investigación.

Os estimulantes, substancia ilegal máis detectada

Nun percorrido pola evolución das substancias dopantes detectadas polos laboratorios ao servizo da Axencia Mundial Antidopaxe, AMA, a máis frecuente seguen sendo os estimulantes “tras a detección de outras máis presentes que a pesar de estar prohibidas pola AMA, non son sancionables pola súa finalidade terapéutica”, aclarou. No ano 2011, os deportes nos que se emitiron máis controis foron o fútbol, ciclismo, atletismo e baloncesto, “pero o ciclismo non foi o que presentou a maior porcentaxe de adversos”, apuntou Valverde que rematou a súa intervención reflexionando que a dopaxe non é unha acción que soamente prexudica a saúde “senón que supón unha fraude, un engano para os competidores, espectadores e para a sociedade en xeral”, ademais de atacar a dimensión ética do deporte.

Pola tarde continuaron as xornadas cunha mesa redonda, na que ademais de participar os conferenciantes da mañá, se uniron o director deportivo Guillermo Rodríguez e o ex corredor profesional Óscar Pereiro para debater sobre o ciclismo como espectáculo deportivo. Entre os máis de 100 asistentes diferenciábanse técnicos, monitores, investigadores... “sinal de que o deporte interesa e que existe un compromiso por parte da sociedade”, puntualizou Terceiro.