DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ciclo "5 Retinas periféricas" amosa as outras propostas do cine español

O prazo de matrícula permancerá aberto ata o día 28

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 18/11/2008

Dar a coñecer a produción cinematográfica española que se sitúa máis aló das propostas máis mediáticas. Este é o obxectivo do ciclo de cine 5 Retinas periféricas que se celebrará na Casa das Campás do 1 ao 5 de decembro e para o que xa está aberto o prazo de matrícula. A través das cinco citas os participantes poderán achegarse a propostas audiovisuales que non teñen espazo nas salas de cine galegas. As sesións consistirán nunha breve presentación do cineasta e a proxección do filme trala cal “intentaremos establecer un diálogo entre o público e o autor”, segundo sinala o director do ciclo, Suso Novás.
O ciclo abrirase co encontro con Pedro Aguilera e a súa primeira longametraxe, A influencia, que estrenou na Quincena de realizadores do Festival de Cannes en 2007 e coa que gañou o premio L’Âge d’or do festival Cinedecouvertes de Bruxelas. O martes será o turno do austríaco Günter Schwaiger e a súa obra O paraíso de Haffner, primeiro premio Tiempo de historia na Seminci de Valladolid o ano pasado. Roser Aguilar, quen debutou no campo da longametraxe como directora e coguionista con O mellor min, acudirá ao día seguinte. O día 4, os participantes no ciclo poderán coñecer os detalles da obra de Joan López Lloret a través da proxección de Os irmáns Oligor e Miguel Lasangre pechará o ciclo coa proxección da curta de animación Animal e unha selección doutros traballos seus.
O feixe de realizadores que integran a programación de 5 Retinas periféricas son un bo exemplo de propostas discursivas e temáticas "que non responden ao estándar da temática literaria e de temas moi trillados e apenas sen refrescar da produción española máis coñecida", apunta Novás. A pesar diso varios deles xa recibiron recoñecemento internacional, o que abre a posibilidade dun asentamento dunha cinematografía que faga da heteroxeneidade e da multiforma a súa principal razón de ser. Isto é o que fai que Novás sinale como "unha paradoxa" o feito de que sexa na periferia onde está situado o centro neurálxico do actual cine español.

Inscrición ata o día 28

Aqueles que queiran achegarse a este outro cine español poden formalizar a súa matrícula ata o día 28 na Vicerreitoría do campus achegando nome, apelidos, DNI e número de contacto ao enderezo. Os que o soliciten tamén poderán convalidalo por un crédito de libre configuración. As sesións inciaranse ás 18.00 horas e está previsto que sexa sobre as 20.00 horas cando comecen os coloquios sobre as proxeccións.