DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo o título "Privilexios dun universitario"

Un ciclo de charlas informará aos novos estudantes sobre os servizos á súa disposición

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 06/10/2008

Os estudantes que acaban de comezar a súa andaina na Universidade terán esta semana unha oportunidade para coñecer os servizos que a institución académica pon á súa disposición. Será a través dunha serie de charlas que, baixo o título Privilexios dun universitario, “ofrecerán información xeral, non só relativa ás propias facultades, como sucedía en ocasións anteriores”, explica Ricardo Corderí, xefe do Servizo de Extensión Universitaria, que engade que se trata dunha “iniciativa pioneira que pretende evitar a desorientación inicial proporcionando aos alumnos datos que, doutro xeito, igual non chegarían a coñecer”.
Actividades culturais, Deportes e Extensión Universitaria son os tres bloques nos que se centran as charlas, que serán impartidas por persoal propio de cada un dos servizos. Ademais, en Ourense e Pontevedra está previsto que asistan os vicerreitores de cada campus para dar a benvida aos seus estudantes. “Falarémoslle de voluntariado, aloxamento, accesibilidade ou do gabinete psicopedagóxico, entre outras cousas”, explica Corderí. As charlas completaranse con información sobre a Oficina de Relacións Internacionais e a Oficina de Orientación ao Emprego.

Impartidas nos tres campus

Cunha duración aproximada de corenta minutos, as charlas impartiranse en días sucesivos en cada un dos tres campus. O primeiro en recibir estas explicacións será o de Pontevedra, que acollerá o relatorio este martes ás once da mañá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
A continuación, o mércores á mesma hora tócalle a quenda a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo, e xa o xoves a sala Multiusos do Edificio de Ferro do campus de Ourense pechará o ciclo.