DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvólvese entre este luns e o 22 de abril na Facultade de Comunicación

Un ciclo de conferencias aborda a necesidade dunha “creatividade transformadora” que evite perpetuar estereotipos a través da publicidade 

Protagonizado por directoras creativas formadas neste centro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Pontevedra 08/04/2024

Segundo un informe da asociación Más Mujeres Creativas, só o 14% das mulleres que traballan en departamentos creativos na industria da publicidade ocupan cargos de dirección, fronte a un 31% dos profesionais homes, a pesar de que elas son maioría tanto no conxunto de do sector como nas facultades nas que se forman as futuras e futuros publicistas. Partindo destes datos, o ciclo Creativas na rede: campañas, responsabilidade e efectos da publicidade, que desde este luns se desenvolve na Facultade de Comunicación busca achegar o alumnado ao traballo de directoras creativas formadas neste centro. A través das súas experiencias e traxectorias, a actividade coordinada polo profesor Alberto Dafonte e que conta co apoio da Unidade de Igualdade da UVigo afonda no proceso de creación de campañas e contidos publicitarios para redes sociais, mais tamén en como este pode levarse a cabo “desde unha perspectiva de compromiso social”.

Os “baleiros” existentes nas mensaxes e na industria publicitaria

Aberto ao público e dirixido a complementar a formación do alumnado da materia Produción publicitaria en web e multimedia, este ciclo de conferencias arrancou este luns pondo o foco na existencia de “preconceptos e prexuízos con respecto a roles de xénero que a publicidade adoita perpetuar” e na necesidade de que a futuros e futuras procesionais sexan capaz de identificalos e xerar “unha publicidade máis diversa e inclusiva”, como apuntou Dafonte. Ese foi un dos eixes da conferencia coa que abría esta actividade Iria Otero, directora creativa da axencia As Peaky Branders, cofundadora da Escola de Creativas Oh!Sister e responsable do portal de divulgación sobre publicidade con perspectiva de xénero fillingthegap. Otero afondou na necesidade dunha “creatividade transformadora” que contribúa a que “non se perpetúen” unha serie de estereotipos, “que non son unicamente de xénero, senón que tamén poden estar asociados á idade”, como lembrou. Nese senso, esta profesional destacou a importancia de “ter consciencia" sobre a existencia dunha serie de "baleiros" nesta industria, "para comezar a transformalos”, o que abrangue tanto ás mensaxes que se trasladan como as propias estruturas do sector. 

A existencia neste dun “teito de cristal” foi tamén abordada a continuación, nunha conferencia de Nuria Grandío, directora de arte na axencia Trend. A súa intervención, explicou, estivo centrada “nas claves da creación de contido para redes sociais” e na necesidade de adapalo aos códigos de cada plataforma. Para iso, afondou tanto no seu propio traballo na axencia como na faceta de “activismo feminista”, que desenvolve a través da conta Konachadas

Do traballo para Netflix á influencia das redes nos adolescentes

Integrante da asociación Más mujeres creativas, Elena Domígnuez, directora creativa en We Are Social será a protagonista do seguinte relatorio, que impartirá o vindeiro luns 15 por videconferencia. Responsable directa durante máis de tres anos das campañas en redes sociais de Netflix, o seu coloquio permitirá achegar o alumnado “a perspectiva de creación de contidos desde unha grande axencia para unha das marcas con máis impacto nas redes sociais en España”, como apunta Dafonte.

Finalmente,o ciclo pecharase o luns 22 cunha conferencia da exalumna e investigadora na Universidad Internacional de La Rioja (UNIR) Beatriz Feijóo, especializada na influencia da publicidade e as redes sociais nas e nos menores. A súa intervención porá o foco no impacto dos contidos publicados por influencers nas crenzas sobre o aspecto físico e os hábitos alimenticios nunha poboación adolescente, coa idea, apunta Dafonte, de "concienciar o alumnado" respecto dos efectos que poden ter determinadas mensaxes nunha poboación "que está construíndo a súa identidade".