DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro das actividades da Cátedra Filgueira Valverde

Un ciclo de conferencias afondará na evolución de Galicia baixo o reinado de Alfonso VI

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 24/10/2008

No marco da Cátedra Filgueira Valverde, promovida pola Universidade de Vigo e Caixanova, celebrarase a partir do martes 28, un ciclo de conferencias baixo o título Alfonso VI e Galicia. A programación inclúe catro relatorios, que se desenvolverán os días 28 e 29 de outubro e 4 e 5 de novembro, e un concerto de música antiga a cargo do grupo Resonet o día 6.
As conferencias terán lugar no edificio Fernández López do Museo de Pontevedra ás 20.00 horas e abordarán temas esenciais do reinado de Alfonso VI, anticipándose aos actos programados para 2009, ano do noveno centenario da súa morte. Carlos Valle, director do museo e relator do ciclo, xustifica a dedicación destas xornadas a quen foi rei de Galicia entre 1072 e 1109 na súa “importancia para os reinos occidentais xa que el foi o responsable do proceso de europeización a través do Camiño de Santiago”.

Catro relatorios e un concerto de música antiga

O martes, o profesor Juan Ignacio Ruiz de la Peña, da Universidad de Oviedo, ofrecerá un relatorio baixo o título Alfonso VI e a peregrinación a Santiago. Ao día seguinte, o ciclo deterase nas reformas monacais en clave benedictina que o rei impulsou cunha conferencia a cargo de Antonio Linaje Conde, da Universidad San Pablo CEU. O 4 de novembro recuperaranse as xornadas da man de Ermelindo Portela Silva, da Universidade de Santiago de Compostela e ao día seguinte o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, pechará o ciclo coas súas achegas sobre a arte e a arquitectura en Galicia nos tempos de Alfonso VI. Como broche final, o día 6 os participantes desprazaranse ata o convento de Santa Clara para disfrutar dun concerto de música antiga interpretado polo grupo Resonet.