DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con Charles Perrings, que destacou o elevado número de investigadores que aglutina o Campus de Excel

O ciclo de conferencias do Campus do Mar reactívase tras o verán

O catedrático explicou o proceso de reforestación que se está levando a cabo no Canal de Panamá

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 12/09/2011

Tras o parón estival e co comezo das clases volve tamén o ciclo de conferencias do Campus do Mar. O encargado de inaugurar esta nova edición foi o catedrático de Economía Ambiental da Arizona State University, Charles Perrings, que explicou como inflúe a deforestación nun ecosistema como é o Canal de Panamá, que asume aproximadamente o 5% do tráfico marítimo mundial.

Presentado polo decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Santiago Gómez Fraiz, que fixo un breve percorrido pola carreira do convidado e acompañado vicedecano da facultade, Jorge Vila Biglieri, Perrings presentou o modelo dos servizos ambientais desenvolvido para avaliar as implicacións da reforestación, tanto nos fluxos de auga como noutros servizos do ecosistema.

Charles Perrings dirixe o grupo EcoSERVICES, que se centra na análise das causas e consecuencias dos cambios nos servizos dos ecosistemas, participando en numerosos proxectos de investigación internacionais sobre cuestións relativas a cambios na biodiversidade, a conservación e o desenvolvemento. Este grupo forma parte tamén da Biodiversity and Ecosystem Services Training Network (BESTNet), unha rede de investigación coordinada financiada pola National Science Foundation.

O redeseño do Canal de Panamá

O Canal de Panamá está sendo redeseñado coa finalidade de permitir o paso de buques Post-Panamax (buques de maior tamaño que para os que foi deseñado orixinalmente o canal) a través dunha serie de novas esclusas. Isto aumentará significativamente o volume de mercadorías transportadas a través do canal, pero tamén incrementará a demanda sobre a cunca hidrográfica para operar as esclusas. A cunca está sendo reforestada para protexer os fluxos de auga na estación seca necesarios para o funcionamento do futuro canal ampliado. Perrings, un dos referentes mundiais no deseño de políticas relacionadas coa biodiversidade, fixo tamén fincapé na necesidade de tratar conxuntamente os problemas económicos e os de biodiversidade xa que facelo por separado conduciría moi probablemente a un erro.

Preguntado sobre o proxecto do Campus do Mar, Perrings amosouse moi sorprendido polo número de investigadores que forman parte da agrupación e comparouno con outras redes de investigación a nivel mundial, cun número de membros máis reducido.

Merlinda Bobis impartirá a seguinte conferencia

O ciclo de conferencias do Campus do Mar non se detén e continuará o 19 de setembro coa intervención da escritora e profesora de orixe filipino Merlinda Bobis, da Universidade de Wollongwong (Australia), que no seu relatorio: Transnational Story-making and 'dreaming latitude', falará sobre escritura creativa e colaborativa en dúas cidades costeiras tan lonxanas como Vigo e Illawarra (Australia).