DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas pola Cátedra Alexandre Bóveda

Un ciclo de conferencias impulsa un debate sobre fiscalidade e autofinanciamento entre Galicia, Catalunya e Euskadi

Do 3 ao 7 de novembro no Centro Social Caixanova

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 28/10/2008

Un debate entre Galicia, Catalunya e Euskadi sobre autofinanciamento e fiscalidade será o fío condutor dun ciclo de conferencias promovido pola Cátedra Alexandre Bóveda. O obxectivo destas xornadas é “mirar as diferentes alternativas que hai para poder escoller o modelo que queremos”, segundo sinalou a delegada da Consellería de Cultura e Deporte, María Xesús López Escudeiro.
As conferencias, que se celebrarán todos os días entre o 3 e o 7 de novembro, ás oito da tarde, no Centro Social Caixanova, achegarán a Pontevedra a expertos que analizarán os aspectos máis destacados do financiamento e a fiscalidade autonomicos . O tema casa á perfección co obxectivo da cátedra de recoñecer a figura de Alexandre Bóveda, xa que este pontevedrés de adopción foi dos primeiros en sinalar, nos anos 30, que a relación entre o estado e Galicia no aspecto tributario tiña que ser diferente. Setenta anos despois, o autofinanciamento e as relacións fiscais entre as comunidades e o estado seguen a ocupar moito espazo e tempo nos medios de comunicación e por iso "a aposta polo coñecemento de temas que interesan á sociedade” é un dos motivos que o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, esgrimiu para explicar o apoio da Universidade a esta actividade.
O programa do ciclo de conferencias comezará co director do Instituto de Estudios Fiscales e catedrático de Análise Económica, José María Labeaga, que achegará a súa experiencia na elaboración de balanzas fiscais. O martes, Francesc Homs, deputado do Parlament de Catalunya e ponente estatutario, ofrecerá un relatorio baixo o título Catalunya: financiamento xusto. Ao día seguinte, o ciclo deterase nas perspectivas de futuro do concerto vasco da man de Juan Miguel Bilbao, viceconselleiro de Facenda e Finanzas do Goberno Vasco. Para os dous últimos días, o programa presenta dúas mesas redondas. Na do xoves día 6, tres profesores da Universidade de Vigo, Santiago Lago Peñas, Xabier Labandeira e Xabier Martínez Cobas centraranse na análise das propostas de financiamento para Galicia; mentres que o venres Francisco Constenla, Xoaquín Álvarez Corbacho e Luciano Fariña, membros do Consello de Contas de Galicia, sinalarán os retos presentes e futuros da fiscalidade galega. Segundo asegurou o coordinador do ciclo de conferencias, Xabier Labandeira, durante os relatorios e as mesas redondas “abriremos o xogo máis aló da financiación autonómica para que tamén entre o tema do financiamento municipal, que ten problemas crónicos de recursos”.

Unha andaina moi produtiva

No acto de presentación das xornadas tamén estivo presente o subdirector xeral de Caixanova, Antonio Gómez, que aproveitou para facer un repaso sobre a andaina da cátedra nestes meses. Gómez, que recordou que Alexandre Bóveda foi “o primeiro director xeral de Caixa Pontevedra”, mostrouse moi satisfeito coas actividades promovidas, xa que “non puido ser máis produtiva”; comentou. Ademais, anunciou que a catalogación da obra de Bóveda xa alcanza o oitenta por cento de toda a súa producción e está preparada para a súa informatización e dixitalización.