DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Patrocinadas pola Unidade de Igualdade, desenvólvese no campus entre setembro e novembro

Un ciclo de conferencias pon o foco na fenda de xénero existente na comunicación dixital

Con relatorios sobre os nesgos da intelixencia artificial e un obradoiro de ‘memes’ feministas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Pontevedra 18/09/2023

“Cando falamos de comunicación, falamos dun sector cunha forte presenza feminina, pero que adoece do famoso teito de cristal”. Esta idea constitúe o punto de partida do ciclo de conferencias A fenda de xénero dixital: construíndo a internet e as relacións sociais dende o empoderamento feminino, que entre os meses de setembro e novembro se desenvolverá na Facultade de Comunicación. Os nesgos de xénero das intelixencias artificiais, os estereotipos e desigualdades que poden atoparse na comunicación dixital ou un obradoiro de memes feministas forman parte dos contidos dun actividade que conta co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e que promove o grupo de innovación docente Academ-IA (Intelixencias Artificiais en Educación). Así mesmo, esta semana arranca tamén o III Seminario de Alfabetización contra a Desinformación, promovido polo grupo de innovación docente Dixitais, tamén da Facultade de Comunicación.

Coordinada polo profesor Xabier Martínez Rolán, esta iniciativa vincúlase á súa vez coa docencia de diferentes materias dos graos en Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas, así como do máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais. Abertas ao público ata completar a capacidade da sala, estas conferencias buscan nese senso promover unha reflexión entre os futuros e futuras profesionais respecto dese “teito de cristal” existente no sector da comunicación e en como este se amplía cando “introducimos a variable tecnolóxica, por exemplo, no relativo ao deseño web e o desenvolvemento de aplicacións móbiles”. A través das achegas de expertas e profesionais, o ciclo busca tamén pór o foco “en como a tecnoloxía pode usarse para apoiar os dereitos e o apoderamento das mulleres”, así como proporcionar “recursos para combater a desigualdade entre homes e mulleres no que se refire ao acceso e o uso da tecnoloxía”. 

Seis conferencias e talleres

O ciclo arranca este mércores 20 coa conferencia Intelixencias artificiais xerativas e nesgos de xénero, a cargo da investigadora da Universidade da Coruña (UDC) Laura Castro, que permitirá pór o foco en como o "adestramento" das intelixencias artificiais fai que se trasladen a estas estereotipos e nesgos que poden facer, por exemplo, que poidan dar unha resposta diferente a unha mesma pregunta se quen a efectúa é home ou muller, como apunta Martínez Rolán. 

Outras actividades poñen o foco en “”aspectos directamente ligados co deseño e a creatividade dixital”, como o relatorio Visibilidade e empoderamento: feminismo na creatividade dixital, que o 10 de outubro impartirán Alba Pato e María Juanatey, fundadoras de Bululú Creativos. Nesa mesma liña, o 18 de outubro terá lugar o Obradoiro de memes feministas, a cargo da responsable da axencia Trend, Xiana Vidal, unha actividade que busca pór o foco en como a “extrema simplificación” que implican estes elementos, non só “axuda a transmitir estereotipos”, senón tamén a combatelos. Por outra banda, co propósito de afondar na idea que “hai certas formas de amosar a información que poden estar nesgadas”, o ciclo continúa o 24 de outubro co taller Deseño web dende unha ollada feminista, a cargo de Sabela Muñiz, unha das organizadoras da WordCamp Pontevedra que esta fin de semana acollía a Facultade de Comunicación.

Dous días despois, o 26 de outubro, a xefa do Servizo de Comunicación Institucional da Deputación de Pontevedra, Rebeca Domínguez, impartirá a conferencia Protocolo e xénero: rompendo estereotipos e construíndo igualdade, e a actividade pecharase o 22 de novembro cunha reflexión sobre as “disfuncións da comunicación dixital”, a cargo de Teresa Piñeiro, directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC. 

Seminario virtual contra a desinformación

Promovido polo grupo de innovación docente Dixitais, tamén da Facultade de Comunicación, esta semana arranca tamén a terceira edición do Seminario de Alfabetización contra Desinformación, un ciclo de conferencias en liña, completadas con materiais adicionais, no que tres especialistas neste ámbito promoverán un reflexión sobre “os distintos aspectos que interveñen no fenómeno da desinformación e sobre os principais mecanismos para loitar contra ela”, como apuntan os coordinadores desta actividade, os investigadores Mabel Míguez, Alberto Dafonte e Javier Abuín.

Con inscrición previa e inserido nas actividades de formación do profesorado da Escola Aberta de Formación Permanente, trátase dun ciclo aberto a toda a cidadanía e orientado a un público non especializado, coa idea de que poida tanto comprender mellor as implicacións desta problemática como coñecer as ferramentas que ten ao seu alcance para facerlle fronte. Impartido a través de Campus Remoto, a actividade ábrese este martes 19, ás 17.30 horas, coa conferencia Los jóvenes ante la desinformación, da investigadora da Universidad de Navarra Charo Sádaba. Á semana seguinte, o martes 26, o profesor da Universidad Carlos III ofrecerá o relatorio El método científico como herramienta contra la desinformación, pechándose a actividade o 3 de outubro coa conferencia Algoritmos, periodismo y desinformación, de Berta García, da Universidade de Santiago de Compostela.