DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Ciclo de Escritores na Universidade subliña o bo momento que vive o ensaio galego

María López Sande e Dolores Vilavedra debuxaron o panorama do xénero máis serodio na literatura gale

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 19/11/2009

O xénero ensaístico vive en Galicia unha época de gran vitalidade, tanto a nivel cuantitativo como cualitativo. Esta foi a idea que tentaron transmitir María López Sande e Dolores Vilavedra na terceira xornada do Ciclo Escritores na Universidade, unha sesión dedicada integramente ao ensaio. Se ben estaba prevista a asistencia de Xosé Manuel Beiras finalmente non puido acudir ao encontro por problemas de saúde.
Presentadas pola catedrática Camiño Noia, López Sande e Vilavedra debuxaron o panorama dun xénero que, tal como salientaron ambas, “sempre tende a ser minoritario”, algo que non é característico de Galicia “pero que aquí semella acentuarse”, subliñou Vilavedra, que manifestou ao inicio da súa intervención sentir certa nostalxia por volver á facultade na que iniciou os seus estudos de Filoloxía Galega.
Outro dos aspectos no que tamén coincidiron ambas autoras é o predominio que se dá en Galicia do ensaio socio histórico político, “algo que non acontece en sociedades máis dinámicas”, subliñou Vilavedra, ao que López Sande engadiu que “este feito está relacionado coas circunstancias de subalternidade que se dan no país”.
López Sande, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2007, destacou tamén na súa intervención o peso actual da muller no ensaio galego, “un peso ao que Teresa Moure ou Mª Xosé Queizán, por citar dous exemplos, poñen nome propio”.

Escaso impacto no público, a gran eiva

Pese ao bo momento que se está a vivir no ensaio galego, non é nin moito menos unha situación idílica e, por suposto, hai problemas aos que non é alleo. A práctica ausencia de divulgación científica e o escaso impacto no público son, á vista de López Sande, as dúas principais trabas ás que se enfronta neste intre.
A estes aspectos habería que engadir tamén, segundo insistiu López Sande, “o feito de que é un dos xéneros menos estudados, algo que en moitas ocasións o fai quedar fóra da historia da literatura”, unha forte carencia “xa que para autocoñecerse precisamos tamén coñecer a nosa historia racional que se vincula ao ensaio”.

O ciclo pecharase o 3 de decembro cunha mesa redonda dedicada ao teatro

A derradeira xornada do IV Ciclo de Escritora/es, organizado conxuntamente pola Facultade de Filoloxía e Tradución e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, na Universidade terá lugar o vindeiro 3 de decembro e comprende unha mesa redonda baixo o título Máscaras e rostros, teatro e realidade que contará coa participación de Quico Cadaval, Afonso Becerra e Gustavo Pernas, que serán presentados polo profesor Manuel Forcadela.