DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Analízanse as figuras de Luís Seoane, Uxío Novoneyra, Iglesia Alvariño e Díaz Castro

Un ciclo de relatorios achega á cidadanía catro voces singulares das letras galegas

Organizado pola Vicerreitoría do campus e a sección de Literatura do Liceo de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 31/05/2010

Luís Seoane, Uxío Novoneyra, Aquilino Iglesia Alvariño e Xosé María Díaz Castro son catro das voces máis poderosas e singulares das nosas letras. Intelectuais honestos e comprometidos, deixáronnos unhas creacións literarias de gran forza expresiva cuxos contidos seguen a ter vixencia hoxe en día. Estas catro figuras reciben agora unha merecida homenaxe e recoñecemento no ciclo Visións de Galicia, unha actividade organizada pola Vicerreitoría do campus e a sección de Literatura do Liceo na que catro relatores analizan polo miúdo a vida e a obra dos creadores citados. Todas as intervencións teñen lugar na aula de cultura do Liceo ás 20.15 horas.
O ciclo comezou o seu desenvolvemento o día 21 de maio, data na que Xesús Alonso Montero, catedrático de Literatura Galega, ofreceu un relatorio sobre Luís Seoane, subliñando da súa traxectoria o ter sido “un promotor infatigable de relevantes empresas culturais tanto no exilio como no interior” e facendo fincapé en obras como Fardel do eisiliado (1952), que o converteron nun dos primeiros creadores do socialrealismo poético.
A vivencia íntima da terra, a mágoa existencial da persoa e o compromiso social e político con Galicia son os piares que conforman a obra de Uxío Novoneyra, o rapsoda do Caurel recoñecido nas Letras Galegas deste ano. O seu fillo, Uxío Novoneyra Rey, participou este venres no ciclo de relatorios para percorrer a traxectoria vital e política de seu pai “dende a proximidade da persoa e do exemplo que me transmitiu”, segundo explicou.

O peso da infancia na obra de Uxío Novoneyra

Uxío Novoneyra naceu en xaneiro do ano 1930 en Parada, unha pequena aldea da serra do Courel “e dentro dunha familia labrega de regular acomodo ao ser meu avó un tratante de gando de mediana potencia”, sinalou o relator. Novoneyra Rey asegurou que a infancia influíu dun xeito determinante na vida e na obra de seu pai “ao ser un neno da guerra, do bando perdedor, xa que o seu tío era o alcalde do FP do Concello de Ancares, no Courel”. O poñente repasou polo miúdo todas as etapas da vida do escritor, dende o bacharelato en Lugo, “onde se fixo amigo de Manuel María, afeccionado tamén á poesía”; os estudos de Filosofía e Letras en Madrid, “onde pasaba máis tempo na Biblioteca Nacional lendo todas as poesías do mundo” e a súa volta a Santiago de Compostela para facer o servizo militar, “reencontrándose con Manuel María e descubrindo á intelectualidade nacionalista galega con figuras como Carlos Maside, Otero Pedrayo e Ramón Piñeiro, entre outros”. Novoneyra Rey afirmou que grazas a estes intelectuais “descubriu que o galego era unha lingua enteira, culta, literaria, plena e berce, xunto a cultura propia, da identidade nacional” e decidiu entón que só escribiría en galego.

Un escritor comprometido coa realidade do país

O relator falou tamén da estadía de seu pai en Madrid “onde se relacionou cos círculos intelectuais, literarios e artísticos do Café Gijón”, da súa volta ao Courel para coidar de seus pais, do seu casamento e do seu traballo como presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, traballo que desenvolveu durante 25 anos. Segundo Novoneyra Rey, “á fronte do colectivo apoiou e considerou como propias as reivindicacións dos diferentes colectivos sociais galegos asoballados, tanto obreiros e labregos como os grupos ecoloxistas e a mocidade”. Outras iniciativas do escritor foron, segundo o relator, a fundación dos Encontros Galeuzka de Escritores, o achegamento á diáspora e o proxecto falido “polo rexeitamento institucional” das aulas de escritores galegos, “coa presenza de escritores na educación secundaria”.

Toma de conciencia sobre a terra en Os Eidos

Novoneyra Rey dedicou boa parte da súa intervención a falar da obra Os Eidos, publicada no ano 1955, onde o autor desenvolve, ao seu entender, “unha reflexión, sensibilidade e conciencia sobre a terra, o Courel, nese tempo, cunha Galicia rural aínda plena” e Os Eidos 2, do ano 1974, “onde pecha o ciclo courelao”. Falou tamén o relator doutras creacións de seu pai como o poema Os últimos labregos no que, segundo asegurou, “rende unha homenaxe á Galicia rural e ás clases traballadoras galegas”.
A seguinte intervención do ciclo Visións de Galicia está prevista para este mércores, 2 de xuño, data na que Luciano Rodríguez analizará a figura de Aquilino Iglesia Alvariño, autor do primeiro libro galego de entidade da posguerra: Cómaros Verdes, do ano 1947. A actividade rematará este xoves, 3 de xuño, coa intervención de Claudio Rodríguez Fer que falará sobre Xosé María Díaz Castro, autor do poemario Nimbos, do ano 1961.