DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa organización da asociación universitaria Syme para conmemorar o "Día da Terra 2010"

O ciclo de seminarios ambientais reúne a 200 estudantes en torno á biodiversidade

O relatorio inaugural das xornadas tratou sobre a xestión práctica dos residuos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 19/04/2010

A biodiversidade tal e como nós a coñecemos é o resultado de millóns de anos de evolución e comprende toda a variedade de vida, incluída a diversidade a nivel de xenes, especies e ecosistemas. A súa preservación é fundamental porque dela depende o benestar da especie humana e por iso a celebración do Día da Terra, o 22 de abril, vai xirar en torno a esta temática. O campus súmase aos actos conmemorativos desta efeméride coa posta en marcha dun ciclo de seminarios ambientais que comezaron o seu desenvolvemento este luns e que se prolongarán ata o día 29 de abril. A iniciativa está organizada pola asociación universitaria Syme e conta con preto de 200 persoas inscritas que participarán activamente nos distintos relatorios sobre medio ambiente previstos no programa.
O acto inaugural das xornadas estivo presidido por Susana Reboreda, directora de Área de Coordinación e Estudantes do campus, que subliñou a importancia da iniciativa “polo altísimo nivel de calidade dos relatores” e que subliñou a acción desenvolvida pola asociación Syme “sempre a prol do medio ambiente”. O decano da facultade de Ciencias, Pedro Araújo, pola súa banda, fixo fincapé na importancia que dende o campus se lle concede ao medio ambiente –no vindeiro ano académico implantarase o grao en Ciencias Ambientais como titulación exclusiva- e concluíu que esa aposta se reflexa en iniciativas como este seminario. Na inauguración do evento interviñeron tamén Ricardo Ignacio Vecillas, xefe territorial de Medio Rural, que lles desexou aos asistentes un bo aproveitamento dos relatorios e José Antonio Pérez, presidente de Syme, que agradeceu os apoios recibidos pola Vicerreitoría do campus así como pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia para a posta en marcha das xornadas.

Xestión práctica de residuos

O relatorio inaugural das xornadas correu a cargo de José Antonio Vázquez Quintela, xefe do servizo de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, que falou sobre a Xestión práctica de residuos. Nun primeiro momento da súa intervención Vázquez Quintela explicoulles aos asistentes ao seminario o papel que desenvolve o servizo que dirixe e que ten que ver tanto coa inspección ambiental, é dicir, controlar que as empresas xestionen correctamente os residuos como coa avaliación da incidencia ambiental facendo fincapé neste punto na obriga de todas as empresas con actividades que produzan alteracións no medio ambiente de contar cunha autorización ambiental. O relator non quixo falar de normativas nin de leis senón que o seu obxectivo foi o de ofrecer unha clase práctica explicándolles aos asistentes que pasos seguen dende o servizo de calidade ambiental para levar adiante unha inspección práctica. Vázquez Quintela explica que a finalidade desta elección está en facerlles ver aos estudantes “os aspectos que deben ter en conta o día de mañá cando sexan profesionais e se dediquen a temas como a xestión ambiental dunha empresa”.

Coordinación e concienciación, materias pendentes

O relator recoñeceu na súa exposición que na actualidade existe moita normativa medioambiental e que hai tamén moitos organismos con competencias neste ámbito. Na súa opinión a situación “non é mala” pero asegura que sería necesaria “unha maior coordinación entre os distintos organismos con competencias en materia de medio ambiente”. Polo que respecta á situación que viven as empresas Vázquez Quintela puntualiza que hai unha lexislación que as obriga a protexer o medio ambiente pero que, con todo, “deberían ter unha maior concienciación no tema da xestión dos residuos porque moitas veces só a teñen cando ven a posibilidade dunha sanción”, declara.
A próxima sesión deste ciclo de seminarios ambientais está prevista para este martes, 20 de abril, data na que Bruno Díaz, doutor en Física Aplicada e técnico ambiental, pronunciará un relatorio sobre Medio ambiente e empresa.