DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ciclo Sonora trae de novo a música independente ao campus

As diferentes actuacións terán lugar este mércores pola tarde

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 16/11/2009
Tras o paso polo campus o pasado mes de maio coa edición de Primavera, o ciclo Sonora volve traer de novo a música independente ao campus. Concentrado o cartel nun só día, este mércores, o teatro Vidal Bolaño volverase encher de público cun cartel de máxima calidade.
Para abrir boca, a iso das 16.30 horas, proxectarase o documental Control, unha longametraxe baseada na vida de Ian Curtis, cantante de Joy Division, ao que lle seguirá o concerto do parisino Stanley Brinks acompañado pola cantante francesa Freschard e de Ish Marquez.
Nesta tarde musical o broche de ouro porao a banda de indi-rock de Manchester I am Kloot que ofrecerá un concerto programado para arredor das 19.30 horas.

Os espectáculos de rúa volverán a vindeira semana

Se dentro da programación cultural da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, esta semana está dedicada á musica, a vindeira, os espectáculos de rúa volverán a amenizar o xantar do público no Centro Comercial de Cidade Universitaria. Desta volta será a proposta de Mundo Mandarina, que amosará o ridículo que se pode chegar a facer cando un se namora. Nesta ocasión a cita será o mércores 25.