DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa colaboración da Vicerreitoría do campus

A cidade implícase con múltiples actividades na celebración do Día Internacional da Muller

O campus acollerá un curso formativo e un obradoiro que tratarán diferentes aspectos da temática

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 03/03/2010

Conferencias, obradoiros, teatro e unha exposición sobre o voto feminino en España conforman o variado programa de actos organizado polo Concello de Ourense con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo e no que colabora tamén a Vicerreitoría do campus entre outras institucións. As actividades vanse desenvolver en diferentes espazos da cidade, dende o Auditorio e o Liceo ata o Centro Sociocultural de Caixa Galicia, o Café Cultural Auriense e o campus, onde terán lugar un curso formativo e un obradoiro nos que expertos en igualdade abordarán diferentes aspectos da temática.
A concelleira de Igualdade, Marta Arribas, subliñou no acto de presentación da iniciativa que o obxectivo da posta en marcha destas actividades “é o de facer visible o traballo de todos aqueles profesionais que dedican o seu tempo a loitar a prol da igualdade, unha dedicación que é necesario que se faga visible e que chegue a todos os niveis da sociedade”. María Elena de Jesús, profesora da Universidade de Vigo e organizadora tamén das actividades, fixo fincapé na variedade de propostas dunha programación que se vai estender por moitos recunchos da cidade. “É unha proposta moi variada coa que queremos implicar ao maior número de persoas posible dende diferentes ámbitos, que van dende os máis teóricos e formativos, ata aqueles outros de carácter lúdico e cultural”.

Curso para estudantes e profesionais do eido social

O campus universitario acollerá dúas actividades da programación. A primeira delas é un curso formativo sobre A igualdade dende o eido social, destinado a estudantes e profesionais do sector e que se desenvolverá durante os días 8 a 12 de marzo. A segunda iniciativa é un obradoiro vivencial sobre Autocoñecemento para o cambio dirixido a mulleres e impartido pola socióloga Tareixa Ledo os días 15, 22 e 29 de marzo. A implicación da Universidade e do alumnado neste tipo de actividades foi outro dos aspectos nos que fixo especial fincapé Marta Arribas. “Dende as institucións é importante chegar a todo tipo de públicos, pero moi especialmente ao ámbito universitario, aos mozos e mozas, un colectivo no que debemos incidir á hora de tratar temas como o da igualdade”.

A historia do voto feminino en paneis informativos

O Auditorio Municipal acolle xa e ata o día 15 de marzo a primeira das actividades da programación: unha exposición sobre o voto feminino en España formada por unha serie de paneis informativos que agochan un importante e histórico material documental e fotográfico sobre esta temática. O día 8 de marzo, Día Internacional da Muller, terá lugar no Liceo o acto de entrega do IV Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades, galardón que recae nesta ocasión na Asociación de Mulleres Separadas e Divorciadas de Ourense. O programa de actividades continuará o día 10 de marzo no Centro Cultural Caixa Galicia cunha conferencia sobre Legalidade, igualdade e muller impartida por Ana Belén Atrio. O sindicalismo tamén vai estar presente na iniciativa coa celebración dunha mesa redonda no mesmo espazo o día 11 de marzo, na que catro mulleres sindicalistas abordarán aspectos como a discriminación salarial e a importancia do xénero no emprego en tempos de crise.

Obradoiro para pais

Di a profesora María Elena de Jesús que “a loita pola igualdade ten que implicar a homes e a mulleres” e, nesta filosofía, a programación inclúe dúas actividades dirixidas ao colectivo masculino. A primeira delas é unha conferencia impartida polo sociólogo Erick Pescador sobre Outras formas de ser home dende o sentir e a escoita: entender para cambiar; será o día 15 de marzo no Centro Cultural Caixa Galicia. Os días 16 e 17 de marzo o mesmo Pescador impartirá un obradoiro no Liceo dirixido aos pais e que tratará sobre Novas paternidades presentes e corresponsables. O Liceo acollerá tamén outro obradoiro que impartirá a traballadora social Irene Cecilia Álvarez sobre Cambio persoal para acadar a igualdade os días 23 a 25 de marzo. A iniciativa complétase co espectáculo teatral A filla de Woody Allen, unha obra dirixida por Santiago Cortegoso e protagonizada por Marián Bañobre que se representará o día 17 de marzo no Café Cultural Auriense.