DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por unanimidade do xurado, que recoñece así o prestixio e traxectoria do proxecto

A cidade do Lérez premia ao XaTcobeo co Pontevedreses 2012

Fernando Aguado recollerá o galardón en nome do equipo de profesionais que participaron no satélite

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
D. Besadío DUVI 25/04/2013

“É un premio ao conxunto da Universidade de Vigo e ao conxunto de grupos multidisciplinares que participamos neste proxecto, pero, sobre todo, ás alumnas e alumnos xa enxeñeiros que estiveron involucrados e que agora xa desenvolven a súa faceta profesional en diferentes partes do mundo”. Así se refire o profesor Fernado Aguado, investigador principal do XaTcobeo, ao Premio Pontevedreses 2012, un novo galardón que recoñece a todo o equipo de profesionais que participaron no deseño e desenvolvemento do picosatélite Xatcobeo, primeiro CubeSat 1U construído por unha universidade europea cos estándares da Axencia Espacial Europea.

Vigués Distinguido desde marzo de 2012, o equipo do Xatcobeo, composto por 60 alumnos e alumnas e 32 investigadores das escolas de enxeñería de Telecomunicación, Informática e Industriais, recibe agora un novo galardón, impulsado polo Diario de Pontevedra baixo o patrocinio de Ence e Novagalicia Banco. “Estamos moi agradecidos de que se acorden de nós e ademais o premio reforza a satisfacción dun traballo que permitiu a moitos alumnos, xa enxeñeiros, poderse situar en empresas e institucións punteiras a nivel internacional”, recalca Aguado, que fai fincapé na importancia que tiveron as alumnas e alumnos no proxecto. “Hoxe están fóra, pero á gran maioría gustaríalle regresar a Galicia cando volva a ser posible cementar proxectos a longo prazo”, engadiu o investigador, coordinador tamén de HumsatD, un novo satélite galego que será posto en órbita polo foguete Dnepr previsiblemente o vindeiro mes de setembro ou outubro.

Exemplo claro de investigación multidisciplinar

A nivel persoal para Fernando Aguado este é tamén un premio especialmente emotivo, “por ser a cidade na que vivo e a que pertenzo”. Zaragozano de nacemento Fernando Aguado desprazouse xunto coa súa familia a Pontevedra cando tiña 17anos, “aquí no Colexio Sagrado Corazon rematei o bacharelato e, dende entón, sempre residín nesta cidade”.

Pasaron 27 anos, preto de 20 dedicados integramente á investigación en enxeñaría de telecomunicación e, máis concretamente, “aos satélites”, subliña Aguado lembrando a súa tese de doutoramento, un estudo no que afondaba na constelación de satélites de posicionamento. “Agora con este recoñecemento favorécese que se coñeza os traballos que se fan na Universidade, onde se traballa en desenvolver proxectos de investigación que teñen unha transferencia importante”, recalca Aguado, ao tempo que fai fincapé en que a multidisciplinariedade é o valor diferenciador para poder abordar este tipo de proxectos “que son extremadamente complexos”.

Zulueta de Haz, Premio de Honra

O Premio Pontevedreses 2012, impulsados polo Diario de Pontevedra en colaboración con Ence e Novagalicia Banco, recoñeceu tamén nesta edición o labor da Fundación Meniños, o historiador Xosé Fortes, a editorial Kalandraka, a Sociedade Deportiva Teucro e a Alfonso Zulueta de Haz, que recibe o segundo Premio de Honra que se outorga na historia dos galardóns.

O xurado, integrado por profesionais de prestixio en diferentes ámbitos, fallou os galardóns por unanimidade “debido ao prestixio e a traxectoria dos candidatos que finalmente resultaron recoñecidos”, explicaron os seus membros nas páxinas do diario pontevedrés.

A entrega de premios será o vindeiro 23 de maio nun acto ao que asistirán numerosos representantes da vida política, social e cultural de Pontevedra e Galicia.